Tras anos de descenso no número de permisos, en 2023 o Goberno galego fixo gratuíta a renovación de licenzas das persoas maiores, este ano renovounas de xeito automático e agora fixa por lei non ter que renovalas nunca máis
As licenzas de caza da Xunta veñen reducíndose progresivamente nos últimos anos, pasando de 46.000 hai unha década a unhas 34.000 na actualidade. Unha caída que non impide que cada vez sexan máis os animais cazados, uns 180.000 ao ano fronte aos 140.000 de hai unha década.
Pero o Goberno galego non quere haxa menos cazadores e agora, a través dos orzamentos para 2025, vai reformar a lei para facer de prazo indefinido todas as licenzas de caza de persoas maiores de 65 anos.
A primeira actuación da Xunta para frear a redución das licenzas de caza produciuse cos Orzamentos de 2023, en cuxa lei de acompañamento incluíu unha disposición para facer gratuíta a renovación dos permisos para as persoas maiores de 65 anos. O segundo paso foi un ano máis tarde, a comezos deste 2024, ás portas das eleccións galegas do 18 de febreiro, cando o Goberno galego renovou automaticamente as licenzas ás persoas maiores de 65 anos. E agora dá un terceiro paso máis.
Na lei de acompañamento dos Orzamentos para 2025 o Goberno galego introduce unha nova modificación da Lei de Caza de 2013 para non ter xa nin que renovar automaticamente os permisos, como fixo este ano. Agora, sinala a Xunta, "amplíase o período de vixencia da licencia de caza ao colectivo de persoas maiores de 65 anos, que pasa a ser indefinido". E o mesmo fai o Goberno galego coas licenzas de pesca continental. En todo caso, para poder practicar a caza ademais da licenza hai que contar con permiso de armas que require superar un psicotécnico.
A Xunta vén amosando o seu apoio á caza con diversos convenios pola súa divulgación de "valores ambientais"
A nova medida de fomento da caza chega despois de que nas pasadas eleccións galegas, como en anteriores comicios de todo tipo, Xunta e PP fixesen ver aos cazadores que contan con seu apoiomesmo económico, cartos que lles veñen entregando a través de diversos convenios coa xustificación de que contribúen a divulgar "valores ambientais".