Comeza a tempada de caza: 180.000 animais mortos cada ano en Galicia

En Galicia hai un 25% menos de licenzas de caza que hai unha década pero un 28% máis de animais abatidos CC-BY-SA Imaxe: Federación Galega de Caza | Montaxe: Praza Pública

70.000 coellos, 16.000 xabarís, 15.000 pombas ou 4.000 corzos veñen sendo abatidos anualmente no país, con cifras á alza malia a caída progresiva de licenzas

Este domingo 20 de outubro comeza a tempada xeral de caza. Con matices, xa que segundo as especies, modalidades e zonas pode haber variacións nas datas de inicio ou veda durante todo o ano. Pero en xeral poderase cazar en Galicia os xoves, domingos e festivos ata o 6 de xaneiro. 

No punto de mira están uns 180.000 animais (70.000 coellos, 16.000 xabarís, 15.000 pombas ou 4.000 corzos), a media dos exemplares que se veñen matando na última década. Pero cunha tendencia á alza inversa á progresiva redución do número de licenzas. Se agora hai un 25% menos de licenzas que hai unha década, unhas 34.000 fronte a 46.000, o número de animais cazados aumentou nunha proporción inversa desde os 140.000 cazados hai dez anos.

Fronte á progresiva redución de licenzas, a Xunta vén de activar a renovación automática e de balde dos permisos para as persoas maiores de 65 anos, o que pode facer que en próximos anos se sigan contabilizando como cazadores a persoas que realmente xa se retiraron da actividade pero ás que o Goberno galego renovou igualmente a autorización. Hai medio ano a propia Xunta cuantificaba xa en "preto de 3.000 persoas" as que viran renovada a súa licenza de caza sen sequera pedilo.

En Galicia hai 34.000 licenzas, 12.000 menos que hai unha década, pero a caza maior permanece igual, con 21.000 exemplares abatidos, e a menor aumentou, tanto de aves como de mamíferos

A falta de cifras máis actuais ou detalladas por parte da Xunta, para coñecer o volume e características da caza no país hai que recorrer aos anuarios de estatística forestal do Ministerio para a Transición Ecolóxica, elaborados a partir de datos facilitados polas comunidades autónomas pero que en Galicia o Goberno galego non divulga de xeito sistemático. 

Nas últimas semanas vén de publicarse o avance do anuario estatístico de 2022, co que pode coñecerse a cifra de licenzas de caza existentes en Galicia na tempada 2022-23. Porén, haberá que agardar á publicación nas próximas semanas das series estatísticas completas para coñecer o detalle de especies e exemplares cazados, de xeito que os últimos datos completos ao respecto correspóndense á tempada 2021-22. 

En todo caso, unha análise dos datos da última década permite comprobar a antedita tendencia á alza do volume total de animais cazados, cunha lixeira redución coa pandemia da COVID-19. Unha tendencia á alza que se asenta no incremento da caza menor tanto de mamíferos como de aves, mentres que a caza maior permanece estable arredor dos 21.000 exemplares ao ano. 

Caza maior

Os xabarís cazados pasaron de 15.000 a 18.000 ao ano, mentres os 6.000 corzos abatidos hai unha década son hoxe menos da metade

No que respecta á caza maior, a cifra de exemplares cazados mantense estable na última década arredor dos 21.000. No detalle, o aumento dos xabarís mortos, que pasaron de 15.000 ao ano hai unha década a máis de 18.000, hai que contextualizalo coas progresivas liberalizacións da súa caza aprobadas pola Xunta nos últimos anos para tentar combater así os seus danos a plantacións agrícolas. Se en 2019 se autorizou a caza sen límite a través da figura da emerxencia cinexética en 4 das 53 comarcas de Galicia, en 2021 foron 29 comarcas, o pasado ano 37 e este ano son 40 comarcas. Unhas medidas que desde as organizacións ecoloxistas contrapoñen co feito de que o Goberno galego queira poder cazar tamén lobos, depredadores dos xabarís e cuxa poboación axudarían tamén a conter.

A caza maior mantense estable porque o aumento da caza de xabarís compensou a redución rexistrada na última década na caza do corzo, dos que se mataban arredor de 6.000 exemplares ao ano para caer nos últimos anos a menos da metade. Por detrás, os cervos veñen rexistrando uns 200 exemplares abatidos ao ano. E a moita máis distancia e en anos moi anteriores poden considerarse puntuais os abatementos de cabra montés e muflón no Xurés e de rebezo nos Ancares.

Caza menor

Na caza menor o coello é o protagonista, con 70.000 exemplares mortos cada ano, moi por diante dos 20.000 a que se achegan varias especies de aves

Na caza menor as especies capturables son moitas máis (no gráfico que acompaña esta información sinálanse só algunhas das máis significativas) e divídense entre mamíferos e aves. Entre os primeiros destaca por riba de todos o coello, con arredor de 70.000 exemplares cazados cada ano. Moi por detrás, o raposo supón arredor de 2.000 capturas ao ano, en liña coa lebre.

Na caza menor de aves as especies son moito máis numerosas e as súas cifras varían: arcea, paspallás, perdiz, pomba, faisán, rula... Unha longa lista que vai mudando cos anos na que a perdiz viña sendo a protagonista pero na que vén rexistrándose un aumento das mortes de arcea, pomba e paspallás.

A Xunta vén amosando o seu apoio á caza con diversos convenios pola súa divulgación de "valores ambientais"

Á espera de cifras máis actualizadas de exemplares cazados nos últimos anos e de licenzas, agora prorrogadas automaticamente parte delas, a esta tempada de caza chégase despois de que nas pasadas eleccións galegas, como en anteriores comicios de todo tipo, Xunta e PP fixesen ver aos cazadores que contan con seu apoio mesmo económico, cartos que lles veñen entregando a través de diversos convenios coa xustificación de que contribúen a divulgar "valores ambientais".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.