A Xunta renova licenzas de caza automaticamente e de balde a maiores de 65 ás portas do 18F

A conselleira e vicepresidenta Vázquez, ante un posto da Federación Galega de Caza na Semana Verde de Silleda, nunha imaxe de arquivo. Sobreimpresionados, fragmentos da carta que están a recibir persoas ás que a Xunta renova a licenza de caza CC-BY-NC-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

En virtude da lei de acompañamento dos Orzamentos da Xunta do ano 2023, a renovación da licenza de caza é gratuíta para a poboación maior de 65 anos. Esta oferta foi aplaudida pola Federación Galega de Caza e outras entidades do sector, que dende hai anos veñen recibindo amplos apoios económicos e promoción por parte da Xunta en xeral e, en particular, dende a Consellería de Medio Ambiente que dirixe a vicepresidenta Ángeles Vázquez. 

A renovación das licenzas de caza xa era gratuíta para maiores de 65 dende o ano pasado. Agora, a Xunta implanta a renovación automática e comunícao por carta aos cazadores en vésperas electorais

Estas organizacións viñan advertindo, non obstante, que esa gratuidade non era completa porque as entidades bancarias colaboradoras da Xunta no proceso continuaban cobrando certas taxas polo trámite. En vésperas das eleccións galegas do 18 de febreiro persoas maiores de 65 anos ás que a súa licenza lles caducara ou estaba a piques de facelo están a recibir cartas da Xunta coa renovación do permiso para cazar non só de balde, senón tamén automaticamente e sen o pediren.

Carta que están a recibir nos primeiros días de febreiro de 2024 persoas maiores de 65 anos ás que a Xunta está a renovar automaticamente a licenza de caza [Preme para ampliar] CC-BY-NC-SA Praza.gal

Tal e como puido acreditar Praza.gal, estas cartas viñeron chegando nas últimas semanas, cando menos, a diversos cazadores na provincia de Pontevedra. Nas misivas, asinadas pola propia vicepresidenta Vázquez, a Consellería de Medio Ambiente remite a licenza renovada de oficio e un texto no que explica por que o fai.

"Non deberá facer ningunha tramitación para renovar a súa licenza de caza", indica a vicepresidenta Vázquez nas cartas remitidas nos últimos días a cazadores maiores de 65 anos co permiso renovado xa incluído na misiva

Indica o Goberno galego aos cazadores maiores de 65 que "nos últimos meses" está "apostando pola simplificación de trámites" para "conseguir que a relación dos galegos e galegas coa Administración" sexa "o máis sinxela e personalizada posible" para así "aforrar tempo, custos e desprazamentos". "Estas actuacións -continúa- enmárcanse no Plan de Mellora dos Servizos Públicos", que ten a "finalidade de seguir traballando nunha nova planificación dos servizos públicos máis directos e personalizados".

"Nesta liña de traballo", expresa a vicepresidenta segunda, a súa Consellería "reduciu ao máximo os trámites relativos á expedición da licenza de caza", permiso que, anuncia, "para as persoas maiores de 65 anos será renovado de xeito automático". Así, indica ao receptor da carta, "non deberá facer ningunha tramitación para renovar a súa licenza de caza, que é totalmente gratuíta e vai incluída ao final desta carta".

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, o pasado xaneiro co presidente da Federación Galega de Caza CC-BY-SA Xunta de Galicia

Vázquez remata o escrito expresando a súa vontade de "destacar o papel que desempeña a caza no control da fauna silvestre e na preservación dos ecosistemas". Os cazadores, agrega, contribúen "ao mantemento do equilibrio ecolóxico e á conservación de grandes espazos naturais".

A renovación automática da licenza de caza a maiores de 65 dá lugar a situacións paradoxais como a dun cazador que xa dera de baixa a escopeta ao non ter previsto continuar cazando

Esta renovación automática da licenza de caza a persoas maiores de 65 anos pode dar lugar a situacións paradoxais como a un dos receptores destas cartas. Como puido comprobar este xornal, un destes cazadores decidira non continuar coa actividade cinexética e non renovara a licenza de armas -permiso que leva aparellado un test psicotécnico-. Daquela, ten a escopeta de baixa, pero o permiso para cazar, de alta por iniciativa da Xunta.

Esta chiscadela preelectoral da Xunta aos cazadores chega pouco despois de que a propia Vázquez renovase o habitual convenio da súa Consellería coa Federación Galega de Caza para divulgar "os valores ambientais asociados á actividade cinexética". A sinatura, máis temperá que en anos anteriores, trouxo consigo un incremento do 20% na dotación da achega do Goberno galego, ata os 30.000 euros.

Cazadores nun monte galego © Federación Galega de Caza

Ao tempo, o programa electoral presentado polo PP para o 18F resalta que o gabinete agora presidido por Alfonso Rueda "puxo en funcionamento cinco procedementos proactivos para ofrecer ás galegas e galegos servizos sen necesidade de que fagan unha solicitude", entre os que destaca a "renovación de licenzas de caza e pesca". Ademais, o documento promete "ampliar ata os cinco anos a validez" destas licenzas, que ata agora duran un ano, "con especial atención ao crecente aumento da poboación do xabaril", di.

Medio Ambiente encadra a medida no "plan de simplificación administrativa" e di que remite as licenzas renovadas automaticamente agora porque rematou os trámites "nas últimas semanas". O programa do PP promete ampliar de un a cinco anos a validez das licenzas de caza

Praza.gal contactou coa Consellería de Medio Ambiente para coñecer os motivos da renovación automática destas licenzas e a súa remisión automática nos últimos días, así como outros detalles desta medida. Na súa resposta, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez encádrao nas medidas do devandito "plan de simplificación administrativa" e explica que "foron acordadas a finais do ano pasado" para "poñelas en marcha nos primeiros meses" deste 2024. No caso das licenzas de caza para maiores de 65, agregan, "completáronse os procedementos" nas "últimas semanas".

Cuestionada a Xunta a respecto de posibles comprobacións adicionais para renovar automaticamente a licenza a persoas anciás, Medio Ambiente indica que para obtela por primeira vez cómpre "superar as probas que acrediten a aptitude e os coñecementos precisos" e "no caso das renovacións", só a perden as persoas inhabilitadas por sentenza xudicial ou sanción administrativa. Alén disto, evidencia, posuír a licenza de caza "non exime" ter que cumprir os requisitos da licenza de armas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.