Unha das primeiras reunións do novo conselleiro, Nicolás Vázquez, é coa Federación Galega de Caza, encontro que nos últimos anos se vén repetindo a poucos días de eleccións xerais ou galegas
O martes 27 de outubro Nicolás Vázquez tomou posesión como novo conselleiro de Medio Ambiente, en substitución de Ángeles Vázquez que pasou a selo de Política Social. Dúas semanas despois, entre as primeiras reunións públicas que xa mantivo o novo conselleiro está unha co presidente da Federación Galega de Caza, mantendo así o trato prioritario que a consellería vén dando a ese sector desde hai anos coa súa antecesora. O encontro, ademais, chega novamente a poucos días dunhas novas eleccións, datas que adoitan ser elixidas para este tipo de reunións públicas co sector da caza. De feito, o programa electoral do PP contempla como unha medida específica para o 29N reducir "as trabas á caza sostible" e defender "a súa contribución á economía das vilas e o mantemento da biodiversidade".
A Xunta vén entregando cartos aos cazadores galegos baixo o concepto de difusión dos valores ambientais asociados á caza. E esa colaboración foi a salientada pola Xunta ao divulgar a reunión mantida este mércores polo conselleiro Vázquez co presidente do colectivo, Luis Eusebio Fidalgo. Segundo o comunicado, Vázquez "puxo en valor as accións que realizan no eido da potenciación, difusión e mellora desta actividade, fomentando valores como o respecto e o coidado do patrimonio natural".
Nas anteriores eleccións xerais o PPdeG lembrou aos cazadores galegos que a Xunta entregara ao sector "200.000 euros no período 2016-2023" e nestas o programa electoral promete reducir "as trabas á caza sostible"
Similar encontro mantivo hai dous anos, a poucos días das eleccións galegas, a daquela conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que salientara a entrega de 30.000 euros ao colectivo, un 20% máis que o ano anterior. Nas anteriores eleccións xerais de xullo de 2023 foran cargos do PP, non da Xunta, os que se reuniran a poucos días dos comicios co mesmo presidente federativo salientando que entregara ao sector "200.000 euros no período 2016-2023". O PP tamén lles prometera poder matar lobos.
O sector da caza foi tamén prioritario para Ángeles Vázquez tras a vaga de incendios do pasado ano, cando o primeiro acto que realizou relacionado cos lumes foi para prometer axudas para os cazadores. E mesmo durante a pandemia da COVID-19, cando se reuniu de xeito reiterado co sector durante os peores momentos da crise.
E ao sector da caza tamén vén dirixindo medidas específicas a Xunta a través dos orzamentos dos últimos anos como renovar automaticamente e de balde as licenzas de caza a maiores de 65 anos e facelas despois indefinidas, o que contribuíu a frear o progresivo descenso no número de licenzas que se viña rexistrando en Galicia desde hai anos.
Por outra banda, na mesma xornada en que o novo conselleiro se reuniu co presidente dos cazadores tamén mantivo un encontro co alcalde de Abadín, José María López Rancaño, un dos concellos menos exemplares na xestión ambiental municipal, sen recollida separada de residuos e cos servizos de punto limpo ou recollida de voluminosos frecuentemente inactivos. Unhas eivas que se rexistran malia que Abadín é un dos concellos que máis cartos recibe do Fondo de Compensación Ambiental creado pola Xunta para concellos que acollen instalacións eólicos e que deberan destinar a fins ambientais. Porén, parte deses cartos foron empregados para mercar un vehículo municipal que o alcalde adoita empregar para os seus propios desprazamentos a funerais da veciñanza.
Segundo a Xunta, "ademais de abordar cuestións relacionadas coa xestión dos residuos municipais, o conselleiro lembroulle ao rexedor que a Xunta convoca cada ano axudas nesta materia e que inclúen, entre outras, liñas de apoio para mellorar a recollida separada dos biorresiduos e dos refugallos téxtiles, modernizar e mellorar os puntos limpos fixos e móbiles ou avanzar no camiño da dixitalización dos servizos municipais relacionados coa recollida do lixo de orixe doméstica".