O primeiro acto da conselleira de Medio Ambiente polos incendios é para prometer axudas aos cazadores

A conselleira de Medio Ambiente nun terreo queimado en Dozón no que prometeu axudas para cazadores acompañada de Tomás Fernández-Couto, subdirector de Espazos Naturais e durante 20 anos responsable da loita contra incendios CC-BY-SA Xunta

Ángeles Vázquez non tivo axenda oficial entre o 9 e o 18 de agosto, período no que a consellería tardou 6 días en prohibir a caza en Ourense malia os incendios, e o seu primeiro anuncio son "axudas para recuperar terreos cinexéticos"

Coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, activa desde o primeiro momento da crise de incendios, a titular de medio Ambiente, Ángeles Vázquez, incluíu aínda este sábado 23 de agosto na súa axenda oficial o seu primeiro acto relacionado cos lumes. Desprazouse a Dozón, onde houbo un incendio de 300 hectáreas, para explicar as axudas do seu departamento a un colectivo ao que vén priorizando desde hai anos, os cazadores. Fíxoo despois de que o seu departamento tardase 6 días en prohibir a caza nos montes de Ourense tras declararse a Situación 2 de emerxencia en toda a provincia polos incendios.

A conselleira de Medio Ambiente na súa visita a un monte queimado en Dozón CC-BY-SA Xunta

Segundo a axenda oficial da Xunta, Ángeles Vázquez viña tendo actos diarios durante todo o verán ata o sábado 9 de agosto, día en que participou nunha sementeira de algas en Viveiro. O día previo comezara o incendio de Chandrexa de Queixa, e nos seguintes foron saltando outros grandes lumes que afectaron a numerosos espazos protexidos pola Rede Natura 2000. Pero ela non volveu ter axenda oficial durante 8 días, ata o luns da pasada semana, día 18, cando o lume xa consumira 70.000 hectáreas. 

Durante ese tempo sen axenda oficial o seu departamento divulgou dous comunicados con fotos da conselleira cun alcalde e con criadores de visón americano en encontros que se produciran "recentemente", dando así imaxe de actividade.

Tras oito días sen axenda oficial o primeiro acto da conselleira foi en Begonte, para ver obras de abastecemento municipal de auga. Despois, non volveu ter outro acto na axenda oficial ata o pasado venres, día 22, cando presidiu unha reunión da oficina técnica da seca. E non foi ata este sábado 23, xa con máis de 90.000 hectáreas queimadas en toda Galicia no que vai de verán, cando a conselleira incluíu na súa axenda oficial o primeiro acto relacionado con incendios. 

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nunha imaxe de arquivo co presidente da Federación Galega de Caza CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente vén situando os cazadores nun lugar privilexiado da súa axenda política

Nunha visita a un terreo de caza de Dozón afectado polos incendios a conselleira anunciou "axudas para recuperar terreos e hábitats cinexéticos así como diferentes tipos de infraestruturas de uso público localizadas dentro da Rede galega de espazos protexidos e reservas de biosfera e que resultaran afectadas polo lumes". A Xunta "axudará a cubrir gastos relacionados coa sementeira de cereais para que sirvan de alimento á fauna silvestre e contribúa a recuperar deste xeito tanto os hábitats cinexéticos como os solos afectados". Os terreos cinexéticos (Tecores) "tamén poderán solicitar axudas económicas para recuperar infraestruturas ou instalacións (refuxios, fontes, bebedoiros e comedoiros para animais, cercados, etc.) que resultaran afectadas". Incide así a conselleira na liña de situar os cazadores nun lugar privilexiado da súa axenda política.

O anuncio fíxoo a conselleira acompañada do seu subdirector xeral de Espazos Naturais, Tomás Fernández-Couto, quen asinou a prohibición de cazar en toda a provincia de Ourense que entrou en vigor o pasado luns 18, seis días despois de que a Xunta declarase a situación 2 nesa provincia polos incendios. Fernández-Couto foi o máximo responsable da loita contra incendios da Xunta durante dúas décadas, como director xeral de Montes desde 1996 ata novembro de 2020, coa única paréntese do goberno de PSdeG e BNG.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.