A Consellería de Medio Ambiente, cunha resolución asinada por quen foi responsable da loita contra o lume durante dúas décadas, mantén a habilitación para a caza no resto de Galicia
A Consellería de Medio Ambiente publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste 18 de agosto unha resolución pola que prohibe desde este luns "toda actividade cinexética en toda a provincia de Ourense", medida que estará en vigor "en canto se manteña o nivel 2 de emerxencia ou superior" polos incendios que están a afectar a esa provincia. A prohibición chega seis días despois de que a Xunta decretase ese nivel de emerxencia o pasado martes 12 de agosto.

Dous días despois de decretar a emerxencia por incendios en toda a provincia de Ourense a Xunta emitiu un comunicado apelando "á responsabilidade da cidadanía" instándoa "a evitar a realización de calquera actividade cinexética na provincia de Ourense durante a vaga de incendios". Porén, non é ata agora que chega a prohibición formal, que supón a suspensión oficial da resolución de abril que determinou as épocas hábiles de caza en toda Galicia. Unha prohibición da caza que se decreta agora só para a provincia de Ourense, manténdose a posibilidade da actividade cinexética no resto de Galicia, onde tamén están a rexistrarse incendios, especialmente na provincia de Lugo.
A prohibición asinouna o mércores o subdirector xeral de Espazos Naturais, Tomás Fernández-Couto, pero aínda entra en vigor este luns
Malia que a resolución de prohibición aparece publicada no DOG este luns, e ela mesma establece a súa vixencia "desde o día da publicación no Diario Oficial de Galicia", está asinada o mércores 13 de agosto, un día despois da declaración da emerxencia para toda a provincia de Ourense. Quen a asina non é un cargo que descoñeza o problema dos incendios. Está subscrita polo subdirector xeral de Espazos Naturais, Tomás José Fernández-Couto Juanas, que foi durante dúas décadas, xa con Manuel Fraga, máximo responsable da Xunta na loita contra os incendios forestais.
Fernández-Couto, director xeral de Montes desde 1996 ata novembro de 2020, coa única paréntese do goberno de PSdeG e BNG, foi recolocado, como funcionario de carreira, como subdirector xeral de Espazos Naturais. Agora asina a resolución prohibindo a caza en Ourense pero permitíndoa no resto de Galicia por delegación da directora xeral de Patrimonio Natural, María Sol Díaz Mouteira.