Tras varios anos de baixada repunta o número de licenzas coincidindo coas decisións da Xunta de renovar automaticamente e de balde as licenzas de caza de maiores de 65 anos e facelas indefinidas
Este domingo 18 de outubro comeza a tempada xeral de caza en Galicia, que se estenderá ata o 6 de xaneiro. Porén, cazadores no monte pode habelos todo o ano despois de que o pasado 30 de xullo a Xunta autorizase matar xabarís sen límite en toda Galicia durante todo un ano. En calquera caso, coas súas arredor de 18.000 cabezas abatidas cada ano no último lustro, o xabarín supón só o 9% do total de animais mortos neses mesmos cinco anos, cun total de preto dun millón de exemplares de todo tipo. Cunha tendencia lixeiramente á alza no global de animais cazados, o xabaril e a caza menor veñen paliando a progresiva caída do resto da caza maior.
Agás no caso do xabaril, a Xunta non fai públicos os datos de animais cazados en cada tempada, que se poden coñecer polas recompilacións anuais que fai o Estado. A última tempada de caza con datos completos é a 2023-24, na que foron matados en Galicia 217.000 animais, en liña coa tempada anterior e tras recuperarse as cifras dos anos previos á pandemia da COVID-19 que afectou especialmente á tempada 2020-21.
O aumento da caza do xabaril permite manter as cifras da caza maior malia o descenso doutras especies como o corzo, con menos da metade de exemplares cazados que hai unha década
A caza maior permanece estable en Galicia desde hai máis dunha década en algo máis de 20.000 exemplares abatidos cada ano, dos que a gran maioría son xabarís, arredor de 18.000. Unha especie cuxo aumento permitiu compensar a caída doutras nos últimos anos. Así, o xabaril vai seguido moi de lonxe polo corzo, con menos de 3.000 exemplares abatidos nas últimas tempadas, menos da metade dos que eran cazados hai máis dunha década. E moito máis por atrás van os cervos, cun exemplar cazado por cada dez corzos.
É a caza menor tanto de mamíferos como de aves a que permite manter a tendencia lixeiramente ascendente do sector en Galicia -coa salvidade da pandemia en 2020-. Unha evolución á alza que se vén rexistrando malia a progresiva caída de licenzas, que na última tempada con datos, a 2024-25, sofre unha repunta por primeira vez en moitos anos coincidindo coas decisións da Xunta tomadas en 2024 de renovar automaticamente e de balde as licenzas de caza de maiores de 65 anos e facelas indefinidas.
Estas medidas farán difícil saber nos vindeiros anos se seguen a contabilizarse como cazadores a persoas que realmente xa se retiraron da actividade pero ás que o Goberno galego renova igualmente a autorización. Pero si permitirá á Xunta insistir na relevancia dun sector que a Xunta vén coidando tanto en épocas electorais como fóra delas.
Nas últimas temadas estanse matando 110.000 aves e 85.000 mamíferos pequenos
Os anuarios do ministerio permiten poñer algunhas cifras a que especies veñen sendo as máis cazadas, con arredor de 110.000 aves e 85.000 mamíferos pequenos cada ano. Á cabeza está o coello, cuns 70.000 exemplares ao ano, seguido da perdiz, cuns 35.000 exemplares.
Nos últimos anos vense rexistrando tamén un incremento da caza do raposo, con 11.000 exemplares na tempada 2023-24 despois de que na década 2010-20 se mantivese nuns 2.000 exemplares ao ano.