Máis de 82.000 xabarís en Galicia malia cazarse 92.000 no último lustro

Xabaril na Mariña CC-BY-SA Fernando Losada Rodríguez

Non son os cen mil que procuraba o mítico club xuvenil que tiña como protagonista un membro da súa especie, pero ándalle perto. A Xunta calcula que a poboación de xabarís en Galicia ascende a máis de 82.000 en Galicia, cunha densidade media de 2,77 exemplares por quilómetro cadrado.

Un estudo da Xunta estima a poboación do xabaril en Galicia en máis de 82.000 exemplares

É a estimación que deu este xoves a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, en base ao estudo sobre a poboación do porco bravo elaborado pola Xunta co obxectivo de "optimizar as medidas de control desta especie" no país. 

Segundo detallou Vázquez, o número de exemplares sitúase entre 75.300 e 90.600, unha cifra que xorde dun estudo que a conselleira di que se fixo ante a "ausencia" dun censo a nivel estatal ao que, di, se comprometera o ministro de Agricultura, Luis Planas. 

Grupo de xabarís na Mariña CC-BY-SA Fernando Losada Rodríguez

Os resultados desta análise foron detalladas por Vázquez durante unha reunión con representantes do Consello Galego de Colexios Veterinarios. No estudo, explicou, tomáronse como referencia os datos de capturas correspondentes á tempada cinexética 2024-25 (preto de 19.000 exemplares), unha cifra que se eleva a 92.000 exemplares cazados nos últimos cinco anos. 

A estimación toma como base os datos de capturas da tempada cinexética 2025-25, perto de 19.000; nos últimos cinco anos a cifra elévase a 92.000

A partir desa información, obtívose un cálculo do número total de exemplares dentro dos terreos cinexéticos coa aplicación dunha taxa de extracción cinexética, que consiste nunha relación entre o número de exemplares capturados e o de totais. Ademais, estimouse tamén un número de exemplares fóra dos terreos cinexéticos baseado na densidade media de xabaril en Galicia.

A conselleira considera as cifras "coherentes" coas estimas realizadas en traballos científicos para toda Europa que sinalan Galicia como unha das áreas con maior densidade de xabarís do continente. Con todo, lembra que son unha "estimación poboacional" e lembrou a necesidade de medidas de actuación acordes ao reparto competencial nesta materia. 

Galicia é unha das áreas con maior densidade de xabarís do continente

Vázquez lamentou o "desleixo" do Goberno de Españae reiterou a necesidade de contar un censo desta especie a nivel do Estado para contar cun maior control e seguimento desta especie.

A conselleira de Medio Ambiente anunciou tamén que a Xunta está a artellar medidas de control co fin de incrementar e facilitar os mecanismos necesarios para regular as poboacións desta especie e "reducir o posible impacto negativo que poida ocasionar" sobre o medio ambiente e a agricultura, así como os efectos non desexados que poida ter sobre a sanidade animal, a saúde pública e a seguridade viaria

En máis de seis de cada dez accidentes de tráfico con animais notificados en Galicia están presentes os xabarís

Precisamente, e como detallou Praza.gal, o xabarín é a especie involucrada nun maior número de accidentes de tráfico en Galicia, con gran diferenza. Entre 2016 e 2024, dos máis de 45 mil accidentes con animais notificados, o xabaril estivo presente en máis de seis de cada dez (62,2%), unha porcentaxe que mesmo foi superior nos últimos anos: 65,2% en 2022, 64,2% en 2023 e 65,8% en 2024. 

Ángeles Vázquez detallou tamén que, unha vez rematada emerxencia cinexética, que afectou o 83% da superficie galega, a Xunta axilizará entre o 1 de marzo e o 30 de xuño —un dos períodos no que se concentran os danos nos cultivos— as autorizacións das medidas para o control e prevención de danos. 

Medidas de reforzo

Entre as medidas de reforzo autorizables nos próximos catro meses, inclúense accións paliativas tras danos e preventivas, sempre que se axusten ao marco normativo vixente: en concreto, poderán autorizarse de inmediato batidas (con armas ou na modalidade disuasoria), esperas, desencame de xabarís con cans atrelados e outras accións excepcionais en determinado tipo de terreos como a instalación de gaiolas trampa.

No caso concreto das gaiolas trampa, a conselleira puxo en valor o seu bo resultado en áreas urbanas e periurbanas onde non se poden realizar accións cinexéticas. De feito, desde a súa posta en funcionamento en 2023 xa se capturaron con este sistema arredor de 150 exemplares. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.