A Xunta permite matar xabarís sen límite en toda Galicia durante un ano

Evolución do número de concellos con caza libre de xabarís e capturas desa especie CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O Goberno galego foi aumentando nos últimos anos o número de concellos nos que habilitou a caza libre entre outubro e febreiro e agora amplía a medida a todo o país durante todo un ano

En 2019 foron 33 concellos, 198 concellos en 2021, 248 concellos en 2023, 260 concellos en 2024 e 254 concellos en 2025. E agora, durante o próximo ano, a Xunta permitirá matar xabarís sen límite en toda Galicia, nos 313 concellos. E fronte aos anos anteriores, en que a medida se aplicaba durante a tempada ordinaria de caza, entre mediados de outubro e mediados de febreiro, desta volta a caza sen límite de xabarís estenderase durante todo un ano, desde este venres 1 de agosto ata o 31 de xullo de 2027, segundo se publica este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A Xunta vén recorrendo nos últimos anos á figura da emerxencia cinexética para permitir a caza do xabaril máis alá dos períodos, lugares e restricións das tempadas anuais de caza. É un "instrumento adicional e complementario á caza regrada", di o Goberno galego, que o autoriza "ante a presenza e os danos ocasionados" pola especie. O número de exemplares abatidos cada ano segue en aumento, con preto de 19.000 na tempada 2024-25, a última para a que hai datos oficiais da Xunta ou do Ministerio para a Transición Ecolóxica. 

As capturas de xabarís levan anos en aumento, con preto de 19.000 anuais segundo as últimas cifras

O Goberno galego di que a nova medida responde "a unha análise pormenorizada e obxectiva das circunstancias actuais derivadas dos avisos por danos á agricultura, dos accidentes de tráfico, da superficie afectada e do censo gandeiro porcino, así como dos problemas de seguridade cidadá que está causar a presencia de xabarís nas contornas das cidades". 

A Xunta engade que "tamén se tomou en consideración o seu potencial como factor de difusión e mantemento da peste porcina africana xa que elevadas poboacións desta especie favorecen a dispersión da enfermidade, dificultan a súa erradicación e incrementan o risco de que pase a ser endémica en Europa".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.