A Xunta baseou en recortes de prensa a esixencia de matar lobos freada pola Xustiza

Un exemplar de lobo ibérico e fragmentos do auto do TSXG CC-BY-NC Foto: Fondo Lobo | Montaxe: Praza.gal

O Tribunal Superior denegou á Consellería de Medio Ambiente levantar a prohibición cautelar de cazar exemplares desta especie protexida nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Curtis e Ferrol 

A mediados de 2025 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia paralizou cautelarmente unha resolución da Xunta que abría a porta á posibilidade de cazar lobos para "xestionar" a súa presenza no territorio. Mentres seguía a analizar a cuestión de fondo, o alto tribunal galego aplicara o "principio de precaución ambiental" argumentando que posibles danos no gando por parte de lobos "aínda que non son irreversibles, si son indemnizables", mentres que a caza podería ter forte prexuízo nesta especie protexida.

O Goberno galego, cuxa posición política é abertamente contraria á protección do lobo e defensor da súa caza, acudiu ao TSXG a principios deste 2026 para pedirlle unha "medida contracautelar": unha "autorización singular" para matar lobos nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Curtis e Ferrol tras un encontro da conselleira, Ángeles Vázquez, cos seus gobernos municipais. A Sala denegouno nun caso no que, revela, a Consellería de Medio Ambiente sustentou a súa petición en recortes de prensa.

Fragmento do auto no que o TSXG impide á Xunta retomar a caza de lobos en tres concellos CC-BY-NC-SA Praza.gal

A Xunta, di o auto ditado o pasado 6 de marzo, non "acreditou un verdadeiro cambio de circunstancias", toda vez que se refire á "eventualidade de danos ao gando" e agrega un suposto "incremento do número de avisos por ataques de lobos" neses tres concellos, pero sen "información de campo de axentes ambientais que achegue información precisa" e mesmo "obviando os requisitos técnicos e procedimentais previstos no Plan de Xestión do Lobo" da propia Xunta.

"Non hai máis corroboración" dun suposto incremento de "avisos por ataques de lobos" que "unha mera referencia a noticias publicadas na prensa", sen unha análise técnica de campo específica por persoal da propia Consellería"

Medio Ambiente, especifica o tribunal, achega "referencias a avisos, denuncias doutras administracións ou dunha asociación de veciños", pero "no canto dunha análise técnica de campo específica por persoal da propia Consellería" que "permita certificar e deixar constancia de cada un dos ataques denunciados", "non hai máis corroboración deses avisos e denuncias de terceiros que unha mera referencia a noticias publicadas na prensa". Faino nun informe da directora xeral de Patrimonio Natural, a ex-deputada do PP Marisol Díaz Mouteira, que "non é máis ca un recompilatorio de ditas denuncias e un recordatorio da normativa aplicable".

"Non é só que ante a ausencia dunha comprobación técnica por persoal propio da Consellería a medida solicitada puidese ser inútil para previr" novos ataques do lobo, senón que ademais matar varios exemplares "pode ter efecto contraproducente". A Sala asúmeo baseándose no informe dun biólogo achegado ao proceso pola parte contraria, a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica e a Federación de Ecoloxistas en Acción de Galicia.

A conselleira de Medio Ambiente e a directora de Patrimonio Natural, co alcalde de Curtis e a edil de Seguridade de Ferrol, o pasado xaneiro anunciando que pedirían ao TSXG poder cazar lobos nos seus concellos CC-BY-SA Xunta

Ese documento explica que "matar lobos desestrutura as mandas, aumenta a dispersión xuvenil e os ataques oportunistas", de xeito que "o control letal aumenta os danos". Abonda ademais en que a ausencia de acreditacións técnicas impide, por exemplo, confirmar cantos avisos veciñais por suposta presenza de lobos se refiren, en realidade, ao avistamento de "cans asilvestrados" ou "híbridos" de ambas especies. 

O Fondo para a Protección do Lobo Ibérico celebra o auto do TSXG como unha "vitoria"

En calquera caso, resolveu o TSXG, "non cabe descartar" que a caza reclamada pola Xunta neses tres municipios "puidese producir un grave dano ao ecosistema" mentres que a Sala "non se opón a medidas que non impliquen" matar lobos para "promover a protección da gandaría e da integridade física das persoas, facéndoa compatible coa conservación da especie ameazada. Pero o que pide a Xunta "non é aceptable" porque non xustifica como compatibiliza a caza con "conservar" a especie nin xustifica que "esgotase todas as medidas preventivas necesarias para evitar ou paliar os riscos alegados".

O ditame xudicial foi celebrado por organizacións ecoloxistas e especialmente polo Fondo para a Protección do Lobo Ibérico, a "iniciativa contra as matanzas de lobos e pola súa protección legal" que xunta decenas de organizacións de todo o Estado promovida dende a devandita Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica. O auto, resumen, é "outra vitoria" da súa loita.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.