Medio Ambiente volve esaxerar o censo de lobos para xustificar que se poidan cazar

Conclusións do último censo oficial da Xunta do lobo ibérico que definen a súa poboación como estable fronte ao aumento que publicita a Consellería de Medio Ambiente para xustificar a súa caza CC-BY-SA Imaxe: WWF | Montaxe: Praza Pública

Tras suspender o TSXG a caza de xeito cautelar, a consellería di que as mandas pasaron "de 84 en 2014 a 93" e ocupan o 90% do territorio , malia que o censo oficial admite un erro na primeira cifra e fala de 90 en 2015, cando ocupaban o 94% do país

A Consellería de Medio Ambiente reincide na súa estratexia comunicativa de esaxerar a poboación de lobo ibérico en Galicia para xustificar que se poidan cazar porque supostamente tería medrado moito nos últimos anos. Xa o fixo en 2023 cando divulgou os datos do último censo da especie daquela recentemente elaborado e volve facelo agora despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia veña de paralizar cautelarmente unha resolución do pasado abril que abría a porta á caza como medida de control da poboación.

Tras divulgar o TSXG o seu auto cautelar este mércores, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez emitiu un comunicado no que "lamenta non poder adoptar medidas de control da poboación do lobo de forma inmediata". Nese comunicado a Xunta di que o número de mandas da especie "aumentou de 84 en 2014 a 93 nas últimas estimacións, e está presente en máis do 90% do territorio galego", e cualifica de "favorable" o estado da especie. Porén, as cifras dos censos oficiais da propia Xunta ofrecen unha realidade distinta.

Comunicado divulgado este mércores pola Xunta e censo oficial do lobo CC-BY-SA Imaxe: WWF | Montaxe: Praza Pública

Fronte á cifra de 84 mandas en 2014 que dá o comunicado da Xunta, o seu censo oficial do período 2013-14-15 di que "as revisións realizadas en 2015 permitiron identificar a presenza doutras 6 mandas reprodutoras en zonas que no anterior seguimento (2013-2014) presentaron problemas de mostraxe e sospeitábase a posible presenza de mandas", polo que sitúa a cifra en "90 mandas reprodutoras no territorio galego". 

Ademais, o último censo, do período 2021-22, admite que a segunda cifra, a de 93 mandas, podería ser realmente de 92 segundo o sistema de cálculo empregado. Isto é, o aumento de mandas nunha década non é o reflectido na Xunta no seu comunicado, de 84 a 93, senón que podería ser de 90 a 92, segundo o estudo técnico.

Por outra banda, o comunicado sinala que agora a especie "está presente en máis do 90% do territorio galego". Pero o que dicía o censo 2013-2015 era que daquela o lobo estaba no 94% do territorio. 

Comunicado da Xunta cando divulgou en 2023 o último censo do lobo e o documento oficial con datos distintos CC-BY-SA Praza Pública

Xa en 2023, cando presentou o último censo, a Xunta falaba de "evolución positiva" da especie malia que o documento oficial empregaba a palabra "estable"

Igualmente, a Xunta fala dunha situación "favorable" da especie, adxectivo que non aparece no último censo oficial, no que se emprega a palabra "estable". Malia estes datos e a conclusión do último censo de que a poboación de lobo ibérico "é similar" á de 2013-15, a Consellería de Medio Ambiente xa esaxerou cando divulgou en 2023 os últimos datos. Daquela, fronte á estabilidade das cifras e das conclusións do estudo técnico, o departamento de Ángeles Vázquez falaba de "evolución positiva" da especie.

Medio Ambiente tamén esaxerou en xaneiro o quencemento global para presentar Galicia como "refuxio climático"

A mesma Consellería de Medio Ambiente tamén esaxerou recentemente as cifras do cambio climático para presentar Galicia como refuxio turístico. Nun comunicado divulgado o pasado 23 de xaneiro, no marco da presentación en Fitur da marca Galicia Refuxio Climático, a consellería sinalaba que "a temperatura media anual en Galicia se incrementou a un ritmo notablemente inferior ao do resto do país, cunha suba de 0,2 graos anuais fronte aos 0,25 graos rexistrados a nivel nacional". Porén, os expertos falan dunha suba de 0,2 graos por década, non por ano.

Comunicado da Xunta no que cifrou en 0,2 graos o quecemento anual en Galicia e 0,25 en España cando o consenso internacional é de 0,2 graos por década, non por ano CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.