A conselleira de Medio Ambiente teima na UE nas cifras inchadas do lobo tras volver impedirlle a xustiza cazalos

Un exemplar de lobo ibérico CC-BY-NC Fondo Lobo

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, reuniuse este luns en Bruxelas coa comisaria do sector, Jessika Roswall, para pedirlle entre outras cuestións que se poidan cazar lobos, unha das principais preocupacións da súa axenda política. Fíxoo esaxerando novamente datos sobre a situación da especie en Galicia apenas uns días despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lle afease que tentase volver cazalos nalgúns concellos esgrimindo "unha mera referencia a noticias publicadas en prensa".

A conselleira Ángeles Vázquez coa comisaria europea de Medio Ambiente, Jessika Roswall CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ángeles Vázquez insiste en cualificar de "favorable" a situación da especie en Galicia malia que o seu propio censo a define como "estable" e salienta que ocupa "máis do 90% do territorio" mentres oculta que en 2015 ocupaba o 94%

Segundo divulgou a propia consellería, Vázquez asegurou en Bruxelas que, "segundo o censo desta especie elaborado pola Xunta en 2022", as poboacións de lobo en Galicia "están conformadas por 93 mandas e a súa presenza esténdese en máis do 90% do territorio, polo que o seu estado de conservación é favorable". Porén, iso non é o que di ese censo do propio Goberno galego. 

O censo de 2022 non emprega en ningún momento a palabra "favorable" senón só a de "estable". Unha conclusión á que os técnicos chegaron tras comparar a situación coa do censo anterior, do período 2013-14-15, concluíndo que se producira un lixeiro aumento de mandas pero ao tempo unha lixeira redución da súa superficie territorial. 

Segundo os técnicos da Xunta sobre os seus propios censos, "as revisións realizadas en 2015" permitiron calcular unha cifra de "90 mandas reprodutoras no territorio galego", o que supón que en 2022 só se rexistrasen tres mandas máis. Canto á superficie, fronte ao 90% do territorio do que fala agora a conselleira, no censo 2013-2015 acadaba o 94%. Uns datos que levaron os técnicos a falar de situación "estable" e non "favorable" como di agora a conselleira ou "positiva" como asegurou cando divulgou o último censo.

Fragmento do auto no que o TSXG impide á Xunta retomar a caza de lobos en tres concellos CC-BY-NC-SA Praza.gal

Neste contexto, hai uns días o TSXG denegou unha petición da Xunta para levantar a prohibición cautelar de cazar lobos para poder facelo de xeito excepcional nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Curtis e Ferrol. O tribunal denegoullo porque o Goberno galego lle presentou "en lugar dunha análise técnica de campo específica por persoal da propia consellería" un informe que "non é máis que un recompilatorio" de denuncias de supostos ataques de lobos, "unha mera referencia a noticias publicadas en prensa". Malia estes antecedentes, este luns a conselleira teimou en acusar ao Goberno central, que rexeita a caza de lobos, de "faltar á verdade na información que transmite a Bruxelas simplemente por motivos ideolóxicos".

A conselleira tamén se queixou en Bruxelas do poder xudicial español por parar cautelarmente parques eólicos mentres se avalía o seu impacto

Ante a comisaria de Medio Ambiente a conselleira tamén se queixou do poder xudicial español por parar cautelarmente parques eólicos mentres se avalía o seu impacto ambiental. 

Este luns, logo da comisaria, Vázquez reuniuse tamén coa directora de Mercados de Carbono e Mobilidade Sostible da Comisión Europea, Beatriz Yordi, ante a que salientou que Galicia é "unha comunidade líder en acción climática". Un encontro do que a propia Xunta divulgou imaxes no recibidor dun restaurante e salón de eventos de Bruxelas.

A conselleira Ángeles Vázquez este luns na recepción do Residence Palace Brasserie de Bruxelas coa directora de Mercados de Carbono e Mobilidade Sostible da UE, Beatriz Yordi CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.