Un millón ao ano para depurar a auga dunha autovía de Fraga e que non mate a vida no Eume

Un noiro da AG-64 ao seu paso pola zona de piritas das Pontes con diversas actuacións para evitar que ese mineral faga máis ácida a auga do Eume CC-BY-SA Xunta de Galicia

A incompleta avaliación ambiental da autovía Ferrol-Vilalba realizada pola Xunta hai dúas décadas obriga desde aquela a constantes actuacións para evitar que o arrastre das terras con pirita que deixou ao aire faga demasiado ácida a auga do río

Un desastre ambiental publicitado como unha oportunidade de negocio para empresas de tratamento de augas. Ou como a morte hai 15 anos de milleiros de peces no río Eume, que desde aquela require de actuacións e gastos constantes por parte da Xunta, permite agora ao Goberno galego presumir de "investimento".

"A Xunta licita a xestión do sistema de depuración das augas superficiais na autovía Ferrol-Vilalba, ao paso polas Pontes, por un importe de case 3,8 millóns de euros". Foi o titular da nota de prensa que a Consellería de Infraestruturas divulgou hai unhas semanas sobre a súa xestión para manter, durante os próximos catro anos a razón de case un millón ao ano, as medidas paliativas que a Xunta vén aplicando nesa autovía impulsada por Fraga. E este xoves publicitaba tamén que hai catro empresas interesadas en facerse co contrato nunha infraestrutura cuxa incompleta avaliación ambiental impediu detectar e paliar a tempo que o terreo polo que pasaría, ao quedar ao descuberto, faría moi ácidas as augas do río Eume e mataría a súa fauna.

Zona da AG-64 que require o tratamento das súas augas, a caron dos ríos Lavadoiro e Chamoselo, afluentes do Eume © Google

A Autovía Ferrol-Vilalba (AG-64) foi impulsada pola Xunta de Manuel Fraga hai agora dúas décadas en dúas fases. Primeiro para conectar o porto ferrolán coa central térmica das Pontes e facilitar así a chegada de carbón en camións cando pechase a mina local. E despois para completar, con fondos autonómicos, a conexión por autovía do norte peninsular logo de que o Goberno de España decidise que a Autovía do Cantábrico (A-8) non chegaría a Ferrol senón que pasaría por Vilalba para rematar en Baamonde. 

A avaliación ambiental da infraestrutura aprobada en 2000 limítase a realizar as habituais esixencias, en materia de movementos de terras, de que estes non afectasen aos ríos e regatos da contorna e se mantivese a calidade das augas. Nada dicía aquel documento da composición das terras polas que pasaría a nova infraestrutura nin do nivel de pH das augas dos ríos lindeiros, cuestión que non foi analizada para decidir o trazado.

Nos primeiros anos deste século a Xunta foi poñendo en servizo os primeiros treitos da autovía entre Ferrol e As Pontes sen maiores novidades. Ata que en 2008, cando as obras comezaron a avanzar das Pontes cara a Vilalba, o río Eume comezou a rexistrar unha eleva mortaldade de peixes. As análises da auga revelaron un pH demasiado ácido, e só foi cuestión de tempo que se establecese unha relación directa entre iso e o feito de que as obras da autovía estaban a concentrarse nunha zona de terras ricas en piritas, un mineral que ao oxidarse e acabar arrastrado aos ríos e regatos próximos (fundamentalmente o Chamoselo e o Lavadoiro) aumentaba a súa acidez e, a través deles, a do Eume.

Tras as primeiras actuacións de emerxencia realizadas en 2008, nas que se botou cal aos ríos para contrarrestar a acidez, a Xunta foi establecendo un dispositivo permanente de control e actuación cuxa renovación agora publicita como un "investimento"

O goberno de PSdeG e BNG que se atopou naquel momento con aquela herdanza decidiu diversas actuacións de emerxencia, desde botar cal aos ríos para contrarrestar a acidez ata impermeabilizar os noiros da autovía ou selar un vertedoiro de terras na zona dos Airios, nas Pontes, actuación esta última que por si soa supuxo un custo de 2,5 millóns de euros. 

E tras as actuacións de emerxencia houbo que planificar un operativo constante de vixilancia e separación de augas o máximo posible ao longo de todo o treito afectado da autovía, mesmo con cunetas e canles diferenciadas para as augas de chuvia recollidas limpas na propia calzada das procedentes dos noiros, máis ácidas. Un dispositivo que conta con silos de cal e balsas de decantación de lodos para tratar constantemente as augas. 

O funcionamento -e as progresivas melloras dese dispositivo- vén sendo contratado pola Xunta a empresas privadas a través de sucesivos concursos públicos, en 2013 e 2017. E agora, ao chegar ao seu remate o último, o Goberno galego volve convocar unha nova licitación. Un novo concurso público que publicita non só a través do DOG e da plataforma de contratos públicos senón tamén con comunicados de prensa xerais nos que salienta que durante os próximos catro anos, a partir do 1 de xaneiro de 2024 e ata o 31 de decembro de 2027, gastará en depurar as augas da autovía 3,8 millóns de euros, a case un millón ao ano. 

Porén, os comunicados nada din da orixe dos problemas de acidez máis alá de que durante a construción da autovía, que non sitúa no tempo, "quedaron ao descuberto materiais piríticos". En Twitter, pola contra, a Consellería de Infraestruturas resume a situación como que "as actuacións da Xunta permiten minimizar as causas da acidez natural [sic] das augas e a neutralización do efluente nos ríos e no encoro do Eume".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.