ENCE ou o Porto de Vigo, na lista negra por contaminación no litoral galego

Factoría de ENCE en Lourizán CC-BY-SA Jorgegaygago

Ecoloxistas en Acción presentou o seu informe anual, no que sinala os casos máis graves de mal estado das zonas do litoral en todo o Estado. En Galicia, a entidade ambientalista outorgou, de maneira simbólica, seis bandeiras negras coas que denuncia a contaminación ambiental en Galicia de lugares ou actuacións na costa: os recheos promovidos polo Porto na ría de Vigo, a planta de ENCE na ría de Pontevedra, as minas de San Finx en Lousame, a praia Virxe do Camiño en Muros, os vertidos polas deficiencias na EDAR de Burela e o proxecto de espigón e dragado na praia de Altar, en Foz. 

Ecoloxistas en Acción concede as bandeiras negras ao Porto de Vigo, ENCE, as minas de San Finx, a depuración en Burela e actuacións en praias de Muros e Foz

Varios representantes de Ecoloxistas en Acción presentaron o informe en Vigo, cidade da que, precisamente, criticaron os recheos no Porto pola súa "mala xestión" e o intento por seguir gañando terreo ao mar malia ser "innecesario" e sen ter en conta a racionalización dos espazos xa existentes. O colectivo critica un proxecto "absolutamente irrespetuoso co medio ambiente" por mudar as correntes e danar os recursos pesqueiros e marisqueiros. 

Ecoloxistas en Acción propón o uso dos terreos da Plisan e a "optimización" dos espazos xa existentes no Porto. No caso de ENCE, denuncian a industria como unha das "máis contaminantes", así como o "dano" que leva anos producindo na contorna polos vertidos ou a emisión de gases. Así, piden o "peche e desaparición" da fábrica como única solución. 

Ecoloxistas en Acción propón o "peche e desaparición" da fábrica de ENCE en Pontevedra para acabar cos graves problemas de contaminación

No caso da mina de San Finx, a entidade critica as infiltracións ao subsolo de augas industriais procedentes da mina e destaca a ausencia de "autorizacións ambientais" para a actividade, algo polo que responsabiliza á Xunta e ao Concello. Ademais, no que ten que ver coa praia urbana de Muros, denuncia que todos os anos as analíticas teiman en sinalar a mala calidade da auga por presenza de materiais fecais algo que, din, sucede ante a inacción do Concello. 

Presentación do informe Bandeiras Negras 2021, en Vigo CC-BY-SA Ecoloxistas en Acción

Na Mariña, a bandeira negra foi outorgada nesta ocasión ao Concello de Burela e á Xunta polos problemas de vertidos derivados do mal funcionamento da depuradora do municipio. Non se libra tampouco do premio o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a quen Ecoloxistas en Acción sinala polo proxecto para o espigópn e dragado na praia de Altar, en Foz, que se atopa en zona protexida. Segundo a entidade, non se avaliou dabondo o impacto da obra nas zonas de praderas mariñas ou na poboación de aves que contan cun plan de conservación específico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.