Un novo espigón para paliar os efectos doutro: o próximo capítulo da loita á que foron condenadas as praias de Foz e Barreiros

Vista da foz do río Masma entre Barreiros e Foz e imaxes da zona antes da canalización da ría e como quedaría co novo espigón na praia do Altar © Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia - Ministerio para a Transición Ecolóxica

A canalización da ría para mellorar o porto nos anos 70 e 80 baleirou o areal de Altar en beneficio do da Rapadoira e agora o Goberno central quere estabilizar a situación con novas obras e dragaxes por 3,5 millóns de euros

Foz chámase Foz porque alí o río Masma desemboca nunha foz. Contra esa obviedade e os cambios que adoitan experimentar eses espazos naturais intentou actuar o ser humano nos anos 70 do pasado século construíndo un espigón na marxe esquerda da desembocadura que canalizase a ría e garantise ao porto de Foz unha operatividade libre de bancos de area. Pero esa area non deixou de moverse senón que pasou a facelo doutro xeito e agrandou progresivamente a praia da Rapadoira, en Foz, en detrimento da do Altar, en Barreiros. Tras outras actuacións infrutuosas previas, agora o Goberno central quere estabilizar a situación con novas obras e dragaxes por 3,5 millóns de euros que devolvan area á praia de Barreiros a cambio de levantar nela un espigón que a divida en dous á altura da coñecida como Pedra Rubia.

Espigón e recheos de area a estudo na praia do Altar, en Barreiros © Ministerio para a Transición Ecolóxica

O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de someter a exposición pública un denominado “proxecto de estabilización da praia de Altar” en Barreiros e o seu estudo de impacto ambiental, aínda non aprobado, impulsado polo servizo provincial de Costas de Lugo. Os documentos datan de 2007, pero a súa tramitación quedou interrompida en 2010 ao decidir Costas renunciar á súa execución, que agora quere retomar tras, segundo argumenta, a perda aínda maior de area sofrida pola praia do Altar nos últimos anos. 

A canalización da ría prolongouse en espigón noutros 150 metros en 1980, o que “produciu un impacto moi notable nas dúas praias”

Para chegar á conclusión de que a mellor solución para recuperar a area na beira de Barreiros é collela cunha dragaxe do interior da foz, xunto ao porto de Foz, e executar un espigón no leste da praia do Altar que axude a mantela alí, os documentos agora a exposición pública fan un repaso á evolución histórica da zona. 

“As sucesivas obras de canalización [da ría] alteraron substancialmente o equilibrio da praia de Altar nas últimas tres décadas”, di o estudo, que sinala sobre o espigón sucesivamente ampliado na beira esquerda da ría para garantir a operatividade do porto que “tras a construción dos primeiros 300 metros a principios dos anos 70, apenas se produciron cambios de importancia na praia de Altar, dado que o canal principal seguía saíndo cara ao leste da enseada, despois de trazar unha ampla curva sobre a zona intermareal da praia”. En todo caso sinala que “esta primeira obra provocou xa un notable avance da praia da Rapadoira cara ao exterior, xerando unha superficie de praia seca de 160 metros”.

Imaxes da desembocadura do río Masma antes da canalización da ría para facilitar a operatividade do porto de Foz e como quedaría co novo espigón na praia do Altar © Ministerio para a Transición Ecolóxica

Posteriormente a canalización da ría prolongouse en espigón noutros 150 metros en 1980, o que “produciu un impacto moi notable nas dúas praias” de xeito que “o dique alterou significativamente as correntes” desviando o canal de saída da ría cara ao oeste, “seguindo a traza da nova obra, e se produciu a acumulación de gran cantidade de sedimento nese sector”. “O impacto destas transformacións sobre a praia de Altar supuxo o seu basculamento cara á canalización, desaparecendo gradualmente a area do seu extremo oriental e descubrindo as rasas rochosas do fondo na contorna de Pedra Rubia”, conclúe o documento.

Para tentar reverter esa situación, en 2003 Costas executou un proxecto de “rexeneración” da praia do Altar consistente no vertido de 450.000 metros cúbicos de area procedente do interior da foz. Pero “o seguimento da praia efectuado desde aquela indica que perdeu cantidades significativas da area achegada, o que fai sospeitar que a unidade non se atopa actualmente en equilibrio”. 

O recorte da canalización actual orixe dos problemas, di o estudo ao avaliar cinco posibles alternativas, "só debe abordarse se o mantemento ou a mellora das condicións de navegación deixa de ser un factor relevante para o futuro portuario de Foz”

Por iso di Costas impulsar o proxecto agora a exposición, que avalía cinco posibles actuacións das que se elixe como mellor a que implica un novo espigón ata Pedra Rubia, zona na que se depositarían outros 225.000 metros cúbicos de area dragados da entrada ao porto de Foz. A alternativa 1, que consistiría nun dique no extremo da barra da praia do Altar paralelo ao existente na beira esquerda da ría, desprazaría a area fronte á nova saída e non evitaría o baleirado do leste da praia. A alternativa 2 combinaría a 1 cun espigón en Pedra Rubia para manter alí a area, pero non evitaría acumulacións fronte á nova saída do canal. A alternativa 3 incluiría unha nova prolongación do espigón da marxe esquerda e acumularía a area na zona máis ao oeste da praia do Altar, onde menos necesaria é. A alternativa 5 recortaría o espigón actual da Rapadoira pero seguiría facendo preciso un espigón ata Pedra Rubia para manter a area nesa zona. E a alternativa 4, a elixida no estudo, é a que contempla só o espigón ata Pedra Rubia.

Alternativas estudadas para recuperar a praia do Altar, en Barreiros © Ministerio para a Transición Ecolóxica

Na análise das alternativas o estudo sinala que “o recorte da canalización [actual, orixe dos problemas] só debe abordarse se o mantemento ou a mellora das condicións de navegación deixa de ser un factor relevante para o futuro portuario de Foz”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.