O fotodocumentalista Xosé Abad filmou en 'Retomadas, a loita indíxena' o día a día das máis de 17.000 persoas que residen na reserva indíxena de Dourados, no Brasil
O documental Retomadas, a loita indíxena, do fotodocumentalista e coordinador xeral da Rede Acampa Xosé Abad, poderá verse no marco do COP26, o Cumio das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, que se está a celebrar en Glasgow (Escocia). A peza proxectouse en primicia no V Encontro Internacional Acampa pola Paz na Coruña.
O COP26 celébrase nun marco aínda máis complexo que o momento no que se asinou o Acordo de París, cuxo obxectivo é evitar un incremento superior aos dous graos –a respecto dos niveis preindustriais– na temperatura media global do planeta. A pandemia da COVID-19 non diminuíu as emisións contaminantes, porén a conferencia comezou co compromiso dos líderes do G20 para limitar a 1,5º o máximo aumento da temperatura global da Terra a medio prazo.
Unha das organizacións que articula aos pobos indíxenas do Brasil proxectará o documental do galego dentro das accións que prepara na COP26
A Articulaçao dos Povos Indíxenas do Brasil, a organización que articula a todos os pobos indíxenas de Brasil, é a encargada de levar o documental ao cumio climático internacional. A peza é o resultado da viaxe de Xosé Abad en 2019 á reserva indíxena de Dourados (Estado de Mato Grosso do Sul, Brasil), onde conviviu con persoas das etnias guaraní e kaiowá. "Ao redor de 17.000 indíxenas" residen nesta reserva en "apenas 3.400 hectáreas nas que están confinados, en teoría temporalmente".
"A realidade é ben distinta: promesas de devolución de terras incumpridas, amontoamento, racismo e escaseza de medios, obrigados a malvivir nun páramo devastado travestido nunha xigantesca área de cultivo multiintensivo de cana de azucre e soia transxénica destinada á produción de biodiesel", asegura o fotodocumentalista galego.
"Están obrigados a malvivir nun páramo devastado travestido nunha xigantesca área de cultivo multiintensivo de cana de azucre e soia transxénica destinada á produción de biodiesel", di Xosé Abad
Abad explica que a peza documenta non só esa "vida parada" dentro da reserva brasileira, senón tamén "a práctica pacífica e resiliente dos seus ocupantes", que intentan, unha e outra vez, "retomar" as súas terras. Pero se trata dunha "guerra desigual".
Así se narra no documental: "Os ataques por parte dos gardas de seguridade dos terratenentes repítense, atacan de noite as precarias construcións, plantándolle lume e destruíndo as chozas, deixándoos ademais sen pertenza algunha e indocumentados. Mais nada lles para. Volven á reserva. E volven intentalo, sabedores de que o éxito non está no tempo que permanecen en liberdade senón na filosofía que subxace e alimenta esa resistencia. Retomar o que é seu, pacificamente".