Acampa 2019 valora celebrarse á vez na Coruña e Brasil

Instalacións de Acampa, nos Xardíns de Méndez Núñez CC-BY-SA Praza Pública

Acampa pola paz e o dereito ao refuxio celebrou esta fin de semana na Coruña a súa segunda edición e xa prepara unha nova entrega, a de 2019, que podería ter lugar en paralelo na cidade herculina e no Brasil. Ese é o compromiso adquirido polo profesor Marcos Sorrentino (Universidade de São Paulo), experto en educación ambiental e convidado a Acampa 2018. Sorrentino busca exportar o modelo de Acampa. “Sabemos, como se falou aquí estes días, sobre a necesidade da educación ambiental, da conservación do medio ambiente como única fórmula para protexer o futuro de millóns de persoas ás que, se non, abocamos a migrar”, sinala, subliñando o obxectivo de "internacionalizar a resistencia fronte aos mecanismos de mercantilización da vida” e de "implicar os oito países de lingua portuguesa, cinco deles, ademais, no continente africano”.

Acampa 2019 estará, así mesmo, centrado na problemática das mulleres refuxiadas, de igual xeito que o tema principal da edición que vén de rematar foi a demanda do recoñecemento do dereito ao asilo para as persoas desprazadas dos seus fogares por mor do cambio climático. Nos próximos meses, integrantes do movemento Acampa (que abranguen unhas 60 entidades sociais e políticas) reuniranse coas forzas con representación no Parlamento Galego, Español e Europeo para conseguir que se recoñeza e dote de amparo normativo á figura de Refuxiado por Cambio Climático.

“A retención do barco de Open Arms, as denuncias contra os bombeiros sevillanos, a acusación contra Helena Maleno, ou o que acaba de pasar co Aquarius son un claro aviso a navegantes. Nese escenario non queren testemuñas”

Acampa 2018 coincidiu co traslado a España das 629 que viaxaban a bordo do Aquarius e que viron prohibida a súa entrada en terras italianas. Anabel Montes, xefa de misión da ONG Open Arms salientou este sábado na Coruña que “a retención do barco de Open Arms, as denuncias contra os bombeiros sevillanos, a acusación contra Helena Maleno, de Camiñando Fronteiras, en Marrocos, ou o que acaba de pasar co Aquarius son un claro aviso a navegantes”. "Nese escenario non queren testemuñas”, dixo. Montes esixiu que Italia sexa xulgada e sancionada por incumprir a normativa internacional. “Non debe permitirse que se asente a mensaxe de que a decisión fascista dun ministro é un éxito do país e non ten consecuencias”, engadiu.

En Acampa tamén se falou dos CIEs e da situación na que viven as persoas que son internadas alí. O xuíz que durante máis dunha década foi responsable do CIE de Aluche, en Madrid, Ramiro García de Dios, asegurou que este tipo de centros deberían pecharse: “son espazos dunha brutalidade atroz, moito peores que os cárceres do noso país, nas que todo está máis regrado”. García de Dios insistiu en que Europa ten capacidade de acollida e que hai que permitir que as persoas que veñan poidan buscar traballo, “pero non interesa porque a inmigración irregular é funcional para o sistema económico; a economía sumerxida nútrese de ela”, dixo.

Os CIEs “son espazos dunha brutalidade atroz, moito peores que os cárceres do noso país, nas que todo está máis regrado”, destacou o xuíz Ramiro García de Dios

“Despois destas xornadas de actividades e encontros con expertos, sabemos que a cidadanía coruñesa quere dar resposta, dunha maneira humana, ao reto das migracións que se están vivindo”, destaca Xosé Abad, coordinador de Acampa, como resumo do evento. As exposicións de Pedro Armestre, Juan Pablo Moreiras, Alessandro Grassani, Daesung Lee, Lisa Murray, Ariadna Silva e do colectivo Everyday Climate Change permanecerán abertas no Kiosco Alfonso, a sala Salvador de Madariaga e no Cantón ata o 25 de xullo.

 

Unha das sesións da edición 2018 de Acampa © Acampa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.