O presidente eleva agora a 120.000 hectáreas o ardido e propón que a Xunta asuma a limpeza de franxas de protección fronte ao lume en concellos pequenos
Unha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias en Galicia como xa pediu en 2018 a Deputación de Ourense, que a Xunta asuma a limpeza de franxas de protección contra incendios nos concellos máis pequenos ou que se faciliten as queimas preventivas e mesmo os "lumes técnicos" en zonas protexidas pola Rede Natura 2000. Esas foron algunhas das medidas que propuxo este martes no Parlamento de Galicia o presidente Rueda nunha comparecencia específica sobre a vaga de incendios deste verán.
O presidente comezou asegurando que os incendios deste verán supuxeron unha "conmoción transversal ás ideoloxías e circunstancias de cada un", unha dor compartida pola queima de "120.000 hectáreas", segundo a nova cifra á alza que ofreceu este martes, aínda afastada das 145.000 que estiman os satélites. Hectáreas das que asegurou que só o 31% eran arboradas, "e iso non é minimizar nada".
Rueda estruturou as causas dos incendios en tres grandes bloques: son provocados e están a empeorar polo cambio climático e o despoboamento rural. Rueda asegurou que contra estas causas a Xunta xa está a loitar e aplicando as medidas que propuxo o Parlamento tras os incendios de 2017, co "90% executadas ou en vías de execución", cifra que a oposición nega.
Sobre a man do home na orixe da maioría dos incendios Rueda dixo que a Xunta vai seguir reforzando a vixilancia, con máis cámaras nos montes e investigación dos lumes. Segundo dixo, nesta vaga van "35 investigados e 17 detidos".
Sobre as condicións climáticas, o presidente admite que "teñen cada vez máis influencia", coa calor, a falta de chuvia e o vento que avivaron os incendios deste verán. Por iso, asegura que a Xunta vai seguir loitando contra o cambio climático "reducindo emisións e impulsando, se nos deixan, as enerxías verdes".
E sobre a evolución demográfica, que fai que os montes teñan menos usos e as parcelas próximas aos núcleos de poboación caian no abandono, incidiu en que o seu Goberno está a impulsar rebaixas de impostos no rural ou iniciativas que poden potenciar o seu aproveitamento como os camiños de Santiago.
Rueda tamén quere mudar a lei para que as comunidades de montes dediquen maior porcentaxe dos seus ingresos a prevención
No que ten que ver con eses núcleos rurais, Rueda incidiu na importancia de reforzar a limpeza das franxas secundarias de protección contra o lume. Así, tras reprochar que "hai 50 concellos que aínda non están incorporados" ao convenio para limpeza das franxas secundarias, anunciou que convocará á Federación Galega de Municipios e Provincias para propoñer que sexa a Xunta quen xestione directamente a limpeza desas franxas secundarias nos municipios de menos de 10.000 habitantes. Tamén quere reducir o financiamento municipal aos concellos que non se adhiran ao novo sistema.
E ao igual que propón medidas a nivel municipal, Rueda tamén quere que o Estado actúe máis fronte ao lume e entre outros reproches pola súa actuación na recente vaga tamén avanzou que pedirá que a Unidade Militar de Emerxencias teña "unha base permanente" en Galicia, coa proposta de que sexa na base de incendios da Xunta de Toén. Unha proposta que xa lanzou sen éxito a Deputación de Ourense en 2018, cando o Goberno de España aínda estaba en mans do PP.

Do mesmo xeito, Rueda quere mudar a lei "para que as comunidades de montes deban investir unha porcentaxe maior dos seus ingresos en prevención". E no caso dos particulares asegura que vai facilitar as limpezas de fincas a carón das estradas autonómicas "substituíndo a autorización actual por unha simple declaración responsable" e simplificará tamén "a obtención de permisos para facer rozas e queimas controladas", tamén "lumes técnicos en Rede Natura".
Máis alá das limpezas, Rueda di apostar pola industria forestal e presentará un plan director do sector e impulsará as concentracións parcelarias tamén nese eido.
E no que ten que ver cos equipos propios de extinción, Rueda puxo en valor que en 2008 "pouco máis de 1.200 profesionais traballaban todo o ano", mentres que nos últimos anos o seu Goberno foi ampliando progresivamente os meses de traballo dos brigadistas que o fan por temporadas. E para o futuro tamén asegurou que seguirá aumentando o número de avións, helicópteros e bases de loita contra o lume.