O PPdeG di que Manuel Lago cobra cen mil euros por representar o Ministerio de Traballo en Navantia malia non ser certo

Tellado, nunha rolda de prensa recente sobre Navantia en Ferrol, con Diego Calvo e José Manuel Rey CC-BY-SA PPdeG

A empresa pública Navantia ten un consello de administración composto por doce membros e un secretario. Das doce persoas que integran o consello, dúas son conselleiras dominicais (con funcións directivas): a presidenta, Belén Gualda, e a directora de empresas participadas, Rosario Martínez. O resto de vogais son conselleiros e conselleiras independentes que representan os ministerios de Defensa, Industria, Facenda, Asuntos Exteriores e Traballo e mais aos persoal a través dos sindicatos (actualmente, dous membros de CC.OO).

O 'número dous' do PP galego atribúe ao asesor da ministra Yolanda Díaz un "soldo de máis de cen mil euros ao ano" en Navantia, aínda que como representante do Ministerio de Traballo percibirá dietas por asistencia que non poden superar os 11.994 euros

Segundo o decidido a finais de 2020, o actual representante do Ministerio de Traballo é o economista Manuel Lago. Quen fora deputado de En Marea no Parlamento de Galicia incorporouse en xaneiro de 2020 como asesor económico do gabinete da ministra, Yolanda Díaz, e é nesa condición na que foi incorporado ao consello de Navantia.

Nos últimos días, o PP de Galicia criticou con dureza este nomeamento. O seu secretario xeral, Miguel Tellado, cualifícao como "enchufe" ou "porta xiratoria inadmisible", malia responder á representación habitual dos Ministerios na empresa pública e non ser produto dunha contratación tras o abandono da actividade política.

Este luns, nunha entrevista coa Cadena COPE, Tellado reiterou estas críticas políticas, pero agregando que Lago vai dispoñer dun "soldo de máis de cen mil euros ao ano". Esta afirmación, que o PPdeG trasladou posteriormente aos medios de comunicación por escrito, non se corresponde coa realidade.

Manuel Lago, intervindo no Parlamento de Galicia na súa etapa como deputado de En Marea CC-BY-SA EM

Como fixan os estatutos sociais de Navantia, os conselleiros independentes do seu consello de administración (como Lago e o resto de representantes dos Ministerios) non teñen vínculo laboral coa empresa e só os que teñen este vínculo perciben un salario dela. A retribucións dos restantes, caso de Lago, consiste "en dietas por asistencia ás reunións do Consello", rexidas pola "normativa vixente para os organismos públicos e sociedades mercantís estatais".

As contas anuais de Navantia reflicten que as dietas de todos os membros do consello de administracións suman unha cantidade semellante á que Tellado atribúe a un só dos seus integrantes

A regulamentación vixente destas dietas data de 2013, concretamente da orde ditada por Cristóbal Montoro como ministro de Facenda do PP o 8 de xaneiro daquel ano. Como indican as últimas contas anuais publicadas de Navantia (as de 2019), as contías destas dietas para os membros de consellos de administración de empresas estatais de grupo 1 (caso de Navantia) non poden superar os 11.994 euros anuais. Consultado ao respecto por Praza.gal, o Ministerio de Traballo confirma que esa é a remuneración real. Daquela, a retribución que, como máximo, podería recibir Lago durante todo 2020 é practicamente dez veces inferior á sinalada polo número dous de Alberto Núñez Feijóo no PP de Galicia.

As propias contas anuais de Navantia recollen canto destinou a empresa pública nos últimos anos a estas remuneracións. A suma de todas as remuneracións de todos os membros do consello 2019 foron 113.397,44 euros e en 2018, 112.307,08 euros. Isto é, unha cantidade semellante á que Tellado atribúe a un só dos seus membros, neste caso o asesor da ministra Yolanda Díaz. 

É tamén unha cantidade semellante á que percibe, de media, cada membro do Comité de Dirección, un órgano diferente ao Consello de Administración e que si se ocupa da xestión diaria da empresa. Neste caso, as propias contas anuais de Navantia si reflicten avultados salarios, cunha media de 110.457 euros en 2019. No caso de quen era presidenta da empresa nese ano, Susana de Sarriá, cobrou 181.292,98 euros brutos, segundo divulgou a propia compañía en aplicación da lei de transparencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.