Fogóns do Anllóns: o río que alimenta a comarca de Bergantiños convértese en destino gastronómico

Presentación do proxecto dos Fogóns do Anllóns en Fitur © Deputación da Coruña

Sostibilidade, gastronomía, paisaxe e persoas. O proxecto dos Fogóns do Anllóns nace para converter os concellos da Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana nun “territorio gastronómico diferenciado”, en palabras do vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, na presentación deste mércores no espazo da Xunta na Feira internacional de turismo (Fitur) que se celebra esta semana en Madrid.

A comarca de Bergantiños ten todos os ingredientes para ofrecer unha cociña de calidade, beneficiándose da súa situación xeográfica, que lle permite aproveitar o mellor do mar e cultivar as materias primas que fan que a gastronomía sexa “o segundo motivo polo que o turista escolle Galicia”, segundo apuntou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na presentación do plan dos Fogóns do Anllóns, no que tamén estiveron representados os cinco concellos implicados. “Imos dar a coñecer unha parte de Galicia un pouco descoñecida en materia gastronómica”, defendeu Castro.

O río Anllóns, que nace no monte Xalo e remata entre Ponteceso e Cabana, no estuario do Anllóns, vertebra a comarca de Bergantiños e serve de eixo para este plan que busca ser á vez un exemplo de colaboración institucional entre a Xunta, a Deputación da Coruña e os concellos implicados. Xosé Regueira asegurou que o proxecto dos Fogóns do Anllóns “ten todos os ingredientes para visibilizar un sector altamente competitivo e con capacidade para crear benestar e un recurso económico importante para a o propio territorio”.

O proxecto dos Fogóns do Anllóns, que se presentou este mércores en Fitur, nace para converter os concellos da Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana nun "territorio gastronómico diferenciado", en palabras do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira

O alcalde de Cabana, José Muíño, salientou que este proxecto é “imposible sen a colaboración de todos os organismos públicos”. “Existe un minifundismo político en Galicia que nos fai ser individualistas desde as institucións, pero isto é a demostración de que algo está a cambiar”, defendeu, para engadir outro piar fundamental no que se basean os Fogóns do Anllóns, que é “recuperar entre todos a flora e fauna do río”, pois sinalou que “igual que o río nos une a concellos de distintos colores políticos é importante conectalo cunha senda tanto para turistas como para a veciñanza”. Un percorrido polo río “para que a xente o valore” e o coide “como algo propio”.

“Non podemos concibir unha gastronomía que non se basee no noso propio produto”, afirmou a cociñeira do restaurante Pementa Rosa de Carballo, Rocío Martínez, quen incidiu en que esta zona “é a nosa despensa, no río, na horta e nas lonxas temos o mellor ao lado da casa”. “Eu non vou mercar en Mercamadrid tendo o mellor ao lado da casa”, ironizou a cociñeira, que participou na presentación en representación do sector da hostalería local, moi implicado no desenvolvemento da iniciativa.

Nava Castro, José Muíño, Xosé Regueira e Rocío Martínez no espazo de Turismo de Galicia en Fitur © Deputación da Coruña

A anguía do Anllóns, o berberecho, a pataca, as fabas, os garavanzos ou chícharos bágoa, a lamprea... Son moitos os exemplos de produtos gastronómicos propios desta comarca que se queren dar a coñecer tanto para a veciñanza como para as persoas que se poidan achegar a zona nos vindeiros meses. O vicepresidente da Deputación da Coruña avanzou que os dous vindeiros anos son moi importantes para o sector turístico. Xosé Regueira agradeceu a implicación da Xunta por “crer que esta parte norte da Costa da Morte tamén pode ser un escaparate turístico de Galicia a nivel gastronómico”.

"O obxectivo final é que un territorio no que se come estupendamente pase a ser un territorio gastronómico que destaque en calquera escenario estatal e internacional", destaca Xosé Regueira

Para Regueira é fundamental “que o río viva saudable e permita a vida no territorio, para que se poidan seguir producindo bos produtos da cadea de valor da gastronomía cos que seguir preparando pratos”. “O obxectivo final é que un territorio no que se come estupendamente pase a ser un territorio gastronómico que destaque en calquera escenario estatal e internacional, sen minusvalorar a parte sustentable do proxecto, coa que pretendemos atallar problemas que pode ter o río a día de hoxe”, recalcou.

A presentación do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino de ‘Os Fogóns do Anllóns’ este mércores en Fitur contou coa achega doutras testemuñas da comarca de Bergantiños a través dos dous documentos audiovisuais que acompañan a estas liñas nos que se mostra a singularidade medioambiental da zona e como se aproveita desde o eido gastronómico e tamén para o lecer. Aquí aparecen, entre outros, o cociñeiro Marcos Seoane do restaurante Río Sil de Carballo; María Rivera Haz, que forma parte da asociación Deportiva Downhill (BTT) da Laracha; o presidente da asociación de veciños San Adrián de Verdes, José Rial; Lucía Calvo, da marca gourmet La Huerta D’Lujo de Coristanco; o ornitólogo José Luis Rabuñal; e a presidenta da asociación de mariscadoras de Cabana, Inés García Fernández.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.