Derrubando muros con pintura: as paredes rexeneradas de Carballo xa teñen libro

Mural de Natalia Rak © Concello de Carballo

No ano 2014 un edificio do barrio da Milagrosa de Carballo deixou de ter como bandeira unha lona tirando a podre. No seu lugar apareceu un mural pintado por dúas artistas, Roberta Venanzi e Paula Freire. Aquela primeira obra foi o xermolo de Derrubando muros con pintura, o proxecto que cada ano xunta no Rexenera Fest un bo número de artistas internacionais que plasman as súas obras nos muros carballeses. Este "museo a ceo aberto contra o feísmo" medra anualmente polas paredes e agora tamén polas páxinas dun libro, no que letra poética e xornalística se mesturan coa pintura.

Editado por Engaiolarte, o proxecto editorial de Xan Carballa no que desta volta colabora Xulio Gil como fotógrafo e ilustrador, o volume que vén de presentarse na capital de Bergantiños recolle textos con sinaturas do mundo da literatura e o xornalismo de persoas con múltiplas ligazóns con Carballo. Así, xunto ao prólogo de Xurxo Chapela polas páxinas do volume aparecen os textos de Henrique Mariño, Cristina Abelleira, Xurxo Borrazás, Rosalía Fernández Rial, Ignacio Silva, Santi Pazos, Santi Garrido, Patricia Blanco, Farruco Graña e Belén Puñal.

Estes textos combínanse con fotografías nas que Xulio Gil amosa os traballos de Bordalo II, Pixel Pancho, Nómada, Aryz, Dulk, Case Maclaim, Hyuro, No3l, Natalia Rak e Isaac Mahow sobre os muros de Carballo. Trátase, explican dende o Concello, de amosar dende a arte "a transformación de espazos comunitarios" da localidade. O libro é, ao tempo, unha mostra para as persoas vinculadas á vila e tamén "unha guía turística imprescindible".

Pinturas e literatura van da man para presentar un proxecto que, lembran dende Carballo, xa deu pé a outras obras artísticas, como pezas musicais ou o documental sobre Derrubando muros con pintura realizado por Nani Mouro co gallo do Rexenera Fest. "Carballo é arte", resumen.

Mural de NO3L Dominio Público Concello de Carballo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.