O 'milagre' de Galicia en Fitur

Diferentes instantes da participación de autoridades de Galicia e do Estado en Fitur 2023 CC-BY-NC-SA Praza.gal

“Galicia está de moda”. Estas palabras resoaban máis na caseta da Xunta de Galicia na Feira internacional de turismo (Fitur) que as músicas de fondo, entre as que confirmamos que se escoitaron ás Tanxugueiras, a Guadi Galego e a Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, entre outras artistas do país. Pero é que estas palabras tamén foron a bandeira do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e mais do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, nas súas intervencións.

Curiosa a confluencia xerada entorno ao turismo na feira celebrada en Madrid, na que había máis alcaldes e alcaldesas galegas por metro cadrado que en ningún acto no país. “Vide visitarnos”, repetían todos. E a mensaxe, o que se vende, é recoñecible: paisaxe, gastronomía e xente. “Somos riquiños”, outra das frases preferidas, pois o da comida non hai que vendelo moito, basta cun paseo arredor do posto galego para escoitar a curiosos preguntar: “onde se come?”.

O presidente da Xunta xunto ao presidente do PP e outros representantes do Goberno galego e participantes en Fitur © Xunta de Galicia

En Fitur celebrouse a certificación como destino “Starlight” da Costa da Morte, unha presentación na que o catedrático de electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Mira lembrou que “ver as estrelas é un dereito” e avisou aos concellos de que “máis luz non é máis calidade de vida”. Tamén se presentou, neste caso pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, a aplicación móbil Orcinus para o rexistro e difusión de avistamentos de candorcas en tempo real “co obxectivo de apoiar a seguridade na navegación adiantándose a posibles interaccións con estes grandes mamíferos mariños”.

Ecoturismo, sostibilidade, recuperación, conservación e desestacionalización. O turismo logra consensos, así o demostra a boa convivencia dos representantes políticos arredor do posto de Galicia na Feira internacional do turismo en Madrid

Resulta imposible citar todo o que se mostrou de Galicia nesta feira, pois a axenda ía tan axustada nos tres días habilitados para os profesionais do sector que se avistaron políticos respectando os seus minutos pautados para intervir. Da mesma maneira que resulta imposible enumerar os nomes de todos os políticos que participaron nas diferentes presentacións. Pódese apuntar quen fixo as súas presentacións no posto de Turespaña, caso da Deputación de Pontevedra e Concello de Vigo.

Na mañá do venres coincidiron no pavillón 9 da feira, coa presenza das diferentes comunidades autónomas salvo Andalucía, que tiña un pavillón propio, o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e o actual líder da oposición Alberto Núñez Feijóo, quen despois de saudar a xente como Mario Vaquerizo –como difundiu o PP a través das imaxes do seu presidente distribuídas a medios– chegou ao stand galego xunto a Alfonso Rueda. Non quedou moi claro quen era presidente de que, pero alí estaban o presidente do Parlamento Miguel Santalices; o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo; a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; o portavoz do PP no Parlamento, Pedro Puy, ou a deputada popular no Congreso Ana Pastor, entre outros.

Presentación da certificación 'Starlight' da Costa da Morte en Fitur © Concello de Mazaricos

Por momentos, o ‘milagre’ foi a convivencia cordial entre todos os nosos representantes políticos que, por outra banda, benvida sexa. Aínda que non deixe de sorprender o poder que aglutina o turismo para isto. Os discursos tiñan que incluír os conceptos ecoturismo, sostibilidade, recuperación, conservación e desestacionalización. A receita semella clara, agora toca aplicala.

Pedro Sánchez referiuse a un "muro simbólico" que sentiu a veciñanza da raia coas restricións pola pandemia, que "foi derrubado coa vacinación masiva"

Outro ‘milagre’, nada anecdótico, foi que Pedro Sánchez comezara a súa intervención en Fitur falando da veciñanza da raia. Si, desa mesma raia que une Galicia con Portugal. O presidente do Goberno contou como neses municipios limítrofes sentiuse que coa pandemia da COVID se levantara unha parede entre ambos países na “fronteira máis antiga de toda a Unión Europea”. Sánchez celebrou como “ese muro simbólico que vían os veciños e veciñas da raia foi derrubado coa vacinación masiva”. “Ninguén viaxa onde non se sente seguro e grazas á vacinación contra a COVID, España pechou 2022 con máis de 80 millóns de visitantes”, salientou.

Queda un ‘milagre’ pendente do que tamén se falou en Fitur –fíxoo o presidente do Goberno mais tamén representantes galegos como o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira– que é mellorar as condicións dos empregos no sector turístico e regular os fluxos de visitantes diversificando e desconcentrando a oferta para non facer máis dano que ben.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.