A de Lugo vai ser unha das grandes batallas políticas das vindeiras eleccións municipais en Galicia, como xa sucedeu en anteriores convocatorias. No Concello e por extensión, na Deputación, en cuxa composición de maiorías é clave o resultado electoral nunha cidade na que o PP non sostén o bastón de mando dende hai 23 anos de sucesivos gobernos encabezados polo PSdeG en solitario ou, como actualmente, en coalición co BNG.
Este é o pano de fondo político dun dos últimos tirapuxas entre a Xunta e o goberno local lucense. O gabinete que encabeza a socialista Lara Méndez viña impulsando a instalación dunha zona de baño pública no río Miño mediante a instalación de plataformas flotantes na contorna da Tolda. Tras diversos tirapuxas, a Xunta resolveu que non autoriza a intervención, da que xa se realizaran algúns traballos previos, polo que o Goberno local vén de decidir converter en gratuíta a súa piscina de verán, no complexo deportivo da antiga Frigsa.
A causa esgrimida pola Xunta para prohibir a instalación da devandita plataforma flotante para a zona de baño é un informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural que advertía da súa incompatibilidade cunha colonia de mexillóns de río (Margaritifera margaritifera), presente na zona, así como diversos riscos no caso de cambios bruscos no caudal do Miño. O Concello, a través do edil socialista Miguel Fernández, considerou que gran parte do documento "obedece máis a conxeturas e hipotéticos supostos" que á realidade. Así e todo, optou por desprazar 40 metros a instalación para poder facer uso "da que temos, que nos permite a instalación da plataforma de baño por 25 anos".
Pero a Xunta tamén a vetou a nova proposta. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, dependente do Goberno de España e con competencias sobre o río, explica que o Goberno galego "indica que o novo emprazamento da zona" tampouco é "autorizable" porque "acusaría danos á colonia e ao hábitat de dúas especies protexidas". Sinala a CHMS que, aínda que "dende o punto de vista da normativa de augas" a plataforma de baño "si cumpre" as condicións, o veto da Xunta impide autorizala legalmente.
Meses de contencioso concluíron en que, cando menos de momento, o Concello lucense non pode instalar a ansiada zona de baño. E é neste punto no que a rexedora socialista anunciou que, dende este mesmo venres 5 de agosto, as piscinas municipais descubertas pasan a ser gratuítas "ante a negativa da Xunta a que os lucenses poidan gozar da plataforma de baño este verán no Miño".
A alcaldesa lucense ve motivacións partidarias no "non" da Xunta á praia fluvial pública que "permite a numerosos municipios da contorna. O Goberno galego alega a presenza dunha colonia de mexillóns e aspectos ligados ao caudal mentres a Confederación Hidrográfica sinala que a instalación "cumpre" a normativa de augas
"A entrada será gratuíta, non queremos que ningún veciño deixe de ter a oportunidade de refrescarse nun verán no que estamo soportando temperaturas especialmente altas", argumenta a alcaldesa, que acusa a Xunta de "discriminar" a Lugo ao "privarnos da zona de baño pública" mentres "a permite a numerosos municipios da contorna". O Goberno galego, lamenta, non presentou "ningún estudo" para xustificar a súa negativa á zona alternativa proposta polo Concello, polo que conclúe que a motivación do "non" é partidaria e está marcada pola proximidade electoral.
Mentres, por outra banda, dende a asociación ecoloxista Adega veñen sinalando que, do seu punto de vista, a instalación da plataforma flotante no Miño presenta problemas ambientais e, resalta, así o advertiron nos últimos anos. "Dende o noso punto de vista, a única fórmula" para habilitar unha zona pública de baño é "desprivatizar" a que xa existe, isto é, a do Club Fluvial, que ten "constatada a súa viabilidade técnica e ambiental" e que vén mantendo disputas coa CHMS pola concesión do dominio público na que se atopa.
Freo á restauración do caneiro do antigo Muíño impulsada pola Confederación
Pero os choques coa Xunta a respecto do Miño ao seu paso por Lugo non se cinguen unicamente ao Concello. Tamén a Confederación Hidrográfica expresaba nos últimos días o seu malestar polo freo ao inicio dos traballos que o ente estatal ten previsto realizar no caneiro do río na Acea de Olga, á altura do antigo restaurante O Muíño, que ostentou a concesión da zona durante décadas. A obra, consistente na reparación do caneiro, é a primeira dunha serie de intervencións orientadas a recuperar o vello muíño, desmantelar a vella terraza hostaleira e converter a edificación nun centro de interpretación do río, entroutros traballos.
Esta mesma semana a CHMS explicaba que a Xunta lle reclamara "documentación adicional" o pasado día 29 de xullo "en relación á solicitude de translocación" doutra colonia dos devanditos mexillóns como "paso previo ao inicio das obras de restauración da presa", para as que a propia Consellería dera "autorización inicial" condicionada, precisamente, aos traslado dos bivalvos. "O tempo aprema" e o Goberno galego debe "responder con celeridade" xa que "de non ser así, teriamos que anular o contrato" xa que non é posible "traballar fóra da estiaxe" do río, isto é, alén do período no que o seu caudal é máis baixo.