Aínda non é estraño atopar persoas na cidade de Lugo, sobre entre a poboación de máis idade, que cando fale de ir "á praia" poida estar a referirse a achegarse á beira do río Miño. Máis concretamente, ás instalacións do Club Fluvial, entidade que co paso das décadas virou en referente deportivo en disciplinas como o piragüismo -mesmo con deportistas olímpicos- ou o tríatlon, mais tamén como unha das principais zonas de ocio da cidade, moi especialmente no verán e máis aínda nos agora afastados anos en que Lugo non dispuña de equipamentos como piscinas públicas.
O Club Fluvial de Lugo remóntase a 1935 e dende 1998 gozou dunha concesión á beira do Miño que tenta renovar sen éxito dende 2018. A Confederación Hidrográfica volveulla denegar neste 2021 por interromper o dominio público con instalacións como piscinas ou valados
O Fluvial de Lugo naceu nos anos da II República como Centro de Iniciativas y Turismo e a finais dos anos 50 do século pasado virou no Club. As súas instalacións de deporte e lecer foron medrando sobre o que fora un vello muíño abandonado. Piscinas e zonas de xogos, pistas deportivas, espazo hostaleiro ou áreas administrativas forman un único complexo privado que tamén inclúe áreas na beira do río e sobre a mesma bacía do Miño. Ou, o que é o mesmo, en espazo do Dominio Público Hidráulico (DPH) e a súa zona de servidume, os 5 metros máis próximos á área do maior nivel das augas do río, que neste caso supoñen algo máis de 10.000 metros cadrados.
Dende outubro de 1998, o Fluvial puido utilizar este espazo de dominio público grazas a unha concesión por vinte anos. Entre os dereitos concedidos figuraba a "ocupación do Dominio Público Hidráulico nunha superficie situada no terreo" do propio Club. Quen o lembra é a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), o organismo estatal encargado da xestión do río ante a que o Fluvial tramitou en 2018 unha solicitude para renovar a concesión sen logralo nun proceso no que tampouco a conseguiron outros solicitantes. Abría así unha etapa de incerteza que sumou o pasado xuño un segundo fracaso para a entidade, neste caso mediante unha denegación.
Entre os argumentos da CHMS para denegar a concesión figura que o proxecto presentado polo Fluvial é incompatible co Plan Hidrolóxico que rexe no Miño e "degrada" a zona de dominio público. Faino, argumentou, con instalacións como a piscina sobre o caneiro do río, pero tamén con outras áreas de deporte e lecer que atrancan a libre circulación pola zona de servidume do Miño, que é pública e que non pode ter atrancos para o paso. Iso implica, daquela, que os peches do Club non poden estenderse ata esa zona, á que actualmente só poden acceder as persoas socias da entidade. Así o resumiu esta semana en rolda de prensa o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga.
O presidente do Club coida que a Confederación Hidrográfica quere "tombar a actividade" da entidade e pide unha "mesa de diálogo" mentres di observar un "plan orquestrado" para "utilizar o espazo do Fluvial" como praia pública
A denegación causou gran contrariedade na directiva do club, arrodeada por episodios de tensión con parte da masa social durante os últimos anos. O presidente da entidade, Tito Valledor, respondeu considerando "cando menos, curioso" que a Confederación "non atopase ningún impedimento nin ningunha incompatibilidade" das instalacións coa normativa fluvial e que "ata agora, nunca aludise aos problemas de inundabilidade" -é habitual que, nas crecidas do Miño, parte do terreo do Fluvial quede baixo as augas-. Segundo Valledor, o departamento dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica "utiliza este argumento" para "tentar tombar a actividade dunhas instalacións máis que consolidadas despois de 50 anos".
En calquera caso, a directiva do Fluvial lucense, que esgrime ser "o terceiro club deportivo de Galicia en número de socios" (sinala que conta cuns 17.000), resalta que "non dispoñer na actualidade da concesión" non implica que "non poida volver obterse" no inminente novo concurso público que a Confederación se dispón a convocar. No intervalo, non obstante, Valledor reclama unha "mesa de diálogo" coa propia CHMS e tamén co Concello de Lugo, goberno local (PSdeG-BNG) sobre o que deita críticas políticas ao afirmar que ao club non lle "gustaría pensar" que "existe unha relación" entre "este posicionamento" da CHMS e "a reiterada promesa incumprida de dotar a Lugo de praia fluvial" pública. "Varios socios trasladáronnos a súa impresión de que se orquestrou un plan encamiñado a utilizar o espazo do Club Fluvial como terreo para a futura praia", mantén.
A contrariedade pola denegación da CHMS non é unánime na cidade. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) amosou a súa satisfacción ao considerar que "por fin se atenden as reclamacións feitas durante décadas a prol da liberación da zona de servidume" do río Miño á altura do Fluvial de Lugo, "coa retirada de valados e portas que impiden o tránsito dende o río á terra de persoas e animais". "A entidade deportiva leva incumprindo esta condición, á que se vincularon todas as concesións que lle foron outorgadas" e por iso, destacan, a Confederación "xa lle impuxo varias multas".
A asociación ecoloxista Adega aplaude a denegación e observa unha "oportunidade única para recuperar este treito do miño para uso público", garantindo "a conservación de valores naturais" e mesmo propiciando a agardada zona pública de baño
Para o colectivo ecoloxista, a resolución da CHMS deixa claro que as instalacións do Fluvial no dominio público hidráulico "son ilegalizables" e, daquela, "estamos ante unha oportunidade única e irrepetible de recuperar este treito do río Miño para uso público, garantindo a conservación de valores naturais". Na actualidade, e máis aínda "nun contexto global de cambio climático, xa non teñen cabida concesións en dominio público que traten de perpetuar zonas de baño privadas ou de uso exclusivo" para persoas socias dunha entidade, consideran. Neste punto, coidan que o Concello lucense debería "presentar a correspondente solicitude de concesión para o uso dese treito como zona pública de baño".
Con toda seguridade, este non é o capítulo final do contencioso. En declaración a El Progreso, o presidente do Fluvial advirte da entidade é litigar contra a resolución, mais tamén concorrer a un novo concurso cando a Confederación o convoque. Subliña, ademais, que todos os terreos son propiedade da entidade. Mentres, o pasado maio, o Concello de Lugo avanzaba que seguía cos trámites para construír a zona pública de baño noutro punto do río. Sobre a mesa, un conflito con derivadas ambientais e económicas, pero tamén cunha evidente repercusión social e política ao atinxir a un club privado con gran implantación e influencia na cidade.