Máis de 14 toneladas de residuos apañadas nunha nova limpeza simultánea de ríos en 48 concellos

Residuos apañados na 13ª edición de Proxecto Ríos CC-BY-SA Adega

Máis de 14 toneladas de residuos. Foi o que se apañou o pasado domingo 27 de setembro na 13ª edición da Limpeza Simultánea de Ríos levada a cabo en 48 concellos de toda Galicia. Diferentes entidades, desde asociacións ecoloxistas e culturais ata fundacións, administracións locais ou centros de ensino, participaron nunha campaña con máis de 60 colectivos implicados. 

Mäis de 14 toneladas de residuos foron recollidas na 13ª edición da Limpeza Simultánea de Ríos en 48 concellos de toda Galicia

En total, unhas 840 persoas participaron no Proxecto Ríos, nunha limpeza de 59 treitos de río nunha actividade ná que, como destaca a asociación ecoloxista Adega, "continúan a sumarse" diferentes entidades cada ano. "Ao longo destes trece anos podemos observar unha diminución de lixo nos treitos dos ríos apadriñados por estas entidades, aínda que en 2020 volveron a aparecer moitas rodas de automóbiles", destaca. 

Residuos apañados na 13ª edición de Proxecto Ríos CC-BY-SA Adega

Segundo explica Adega, desta volta apañáronse refugallos moi variados e, "coma sempre, abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos..." "Apareceron rodas, baterías e motores de automóbiles, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, algún televisor e entullos. Retiráronse uralitas, roupa, calzado, etc... As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron aparecer en abundancia e este ano apareceron tamén algunha máscaras", relata a asociación, que advirte de que "é preciso reflexionar sobre o uso destes artigos e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando os cauces e ribeiras".

Foron un total de 14.270 quilos de residuos os recollidos na xornada, aínda que Adega destaca que o principal obxectivo da acción non é en si a recollida. "O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar a sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta", di. 

Proxecto Ríos é un proxecto promovido por Adega dende o ano 2005 e  financiado por Augas de Galicia, que depende da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Para esta actividade contouse coa colaboración dos Concellos da Estrada, Ames, Arzúa, Carballo, Fene, Gondomar, Meis, Melide, Nigrán, Ourense, Pol, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, San Sadurniño, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Teo, Tomiño, Verín e Xinzo de Limia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.