A fiscalización da Confederación Miño-Sil foi incompleta durante oito anos por demoras do ente

Informe que vén de emitir o Tribunal de Cuentas sobre a Confederación Miño Sil CC-BY-SA Praza Pública

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) foi creada en 2008 como unha escisión da antiga confederación do Norte. Desde aquela e ata 2016 foi incapaz de completar un inventario dos seus bens e dereitos, o que dificultou durante todo ese tempo a súa fiscalización por parte tanto da Intervención do Estado como do Tribunal de Cuentas. No último informe ao respecto que acaba de emitir o Tribunal, este denega a súa opinión sobre as contas da confederación “principalmente” pola “ausencia de un inventario completo que permita emitir un xuízo sobre as rúbricas de inmobilizado e de existencias”. Porén, nese mesmo informe a confederación, nas súas alegacións, sinala que, tras varios anos de demoras, “na actualidade completouse a elaboración do inventario do organismo, e o mesmo foi reflectido na presentación da conta do ano 2016” para a súa fiscalización.

O Tribunal de Cuentas denega a súa opinión sobre a entidade, creada en 2008 e a cuxa fronte estivo Liñares, imputado pola Pokemon, porque non elaborou un inventario ata 2016

A Confederación Miño-Sil creouse en 2008 e comezou a funcionar de xeito efectivo ao ano seguinte, con sede en Ourense e presidida polo ata daquela concelleiro socialista en Lugo Francisco Fernández Liñares. Este deixou o cargo a principios de 2012, cando o PP substituíu o PSOE no Goberno central, e en setembro dese ano foi detido e imputado na Operación Pokemon, na que confesou o cobro de subornos. O seu sucesor ata hoxe foi Francisco Marín, anteriormente xefe de servizo na Consellería de Medio Rural.

A elaboración do inventario da confederación foi contratada en 2009, pero sufriu diversas demoras, admitidas polo propio Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, do que depende ese organismo estatal. Esa ausencia de inventario xa provocou que Intervención do Estado rexeitase emitir un ditame sobre as súas contas porque “non foi posible comprobar a existencia, composición e correcta valoración da totalidade de ditos bens”. Pola súa banda, o Tribunal de Cuentas vén explicitando durante os últimos anos diversas críticas sobre as contas do organismo, que nos últimos anos analizou en maior ou menor medida pero sen poder facelo nunca de xeito completo.

O Tribunal de Cuentas censura tamén a falta de información "para comprobar a correcta determinación do canon" dos encoros, polos que a Confederación ingresou 121 millóns

No seu informe ao respecto sobre 2015, o último que elaborou dentro da súa Declaración sobre a Conta Xeral do Estado, e que vén de facer público agora, o ente fiscalizador estatal “denega a opinión” sobre as contas da confederación. Di que esa decisión se fundamenta, “principalmente en limitacións ao alcance por ausencia dun inventario completo que permita emitir un xuízo sobre as rúbricas de inmobilizado e de existencias”, unha eiva que presentan tamén outras confederacións hidrográficas. No caso do Miño-Sil, o Tribunal basea a súa denegación ademais “na ausencia de información suficiente e adecuada para comprobar a correcta determinación do canon, autoliquidado polos concesionarios, por utilización das augas continentais para a produción de enerxía eléctrica”. Segundo o Tribunal de Cuentas, “o importe total da recadación polo canon ingresado ascendeu a 121,9 millóns, correspondendo un 2% á Confederación, como recurso propio, e ingresándose o 98% restante no Tesouro”. É nas alegacións deste último informe no que a confederación informa ao Tribunal de Cuentas que “na actualidade se completou a elaboración do inventario do organismo, e que o mesmo foi reflectido na presentación da conta do ano 2016.

Liñares, tomando posesión como presidente da CHMS © Ministerio de Medio Ambiente

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.