"Galicia sempre foi por diante no piragüismo; somos os mellores"

Ramos Misioné, durante a súa época de piragüista Dominio Público Praza Pública

Luis Gregorio Ramos Misioné (Lugo, 1953) foi o pioneiro. O primeiro galego que gañou unha medalla en piragüismo e o primeiro galego en acadar un éxito olímpico, á marxe dos acadados polos futbolistas aló polos anos 20 e 30. Este lucense, que segue vinculando ao deporte –é delegado no Club Fluvial da cidade– asegura estar “enchido de orgullo” pola última fazaña de David Cal, pero lembra que o padexeiro de Cangas “é un fenómeno, algo excepcional” nunha disciplina que cambiou moito desde que el conseguira aquela prata en Montreal 1976 en K-4 1.000 metros.

Ramos Misioné gañou unha prata en Montreal 1976 e un bronce en Moscova 1980

Acadou tamén un bronce en Moscova 1980, no K-2 1.000 metros, e converteuse nun mito para o deporte galego e de Lugo, onde hai unha rúa co seu nome. “Daquela o material era moi diferente e non había tanta tecnoloxía; cambiaron as pas, as piragüas... Todo evolucionou no deporte, ao igual que evolucionaron as marcas”, asegura Ramos Misioné, que lembra aínda a excepcional remonta de Cal o pasado mércores en Londres.

“Sabía o que tiña que facer e fixo o que tiña previsto: gardar ao principio e acabar con forza ao final”, conta Ramos Misioné, que cre que a táctica do padexeiro do Morrazo foi “a adestrada durante moito tempo”. “Un non vai cambiar o que ten pensado durante catro anos; puido ser mellor, pero é evidente que tamén puido ser peor”, di este medallista olímpico, que considera “sen dúbida” a David Cal “o mellor piragüista da historia de España”.

Das dez medallas olímpicas na historia do piragüismo español, nove teñen acento galego

Porque das dez medallas olímpicas que o piragüismo acadou para a delegación olímpica española na historia dos Xogos, a metade pertencen a David Cal. Das outras cinco, catro delas tamén contan con participación galega: a do propio Ramos Misioné, a do tudense Enrique Míguez e a de Carlos Pérez Rial, ouro con Saúl Craviotto en Pequín.

"Galicia sempre foi por diante no piragüismo, sempre fomos os mellores"

E hai algunha explicación? “Galicia sempre foi por diante no piragüismo”, explica Misioné, que lembra como en México 68 o Club Fluvial de Lugo xa contaba con representantes olímpicos. “Logo fundouse o Tudense e máis tarde máis clubs en Ourense... Mentres noutras autonomías case non había equipos e tiñan poucas licenzas, logo chegamos a máis dun cento de clubs e unhas 5.000 licenzas mentres noutros lugares o número era moito menor”, recorda, tras louvar o traballo de Santiago Sanmamed á fronte da federación galega. “Sempre fomos os mellores”, insiste.

“Se a Federación Galega o segue facendo como o fixo até o de agora, as cousas seguirán indo ben”, engade Misioné, que non opina o mesmo dos resultados da delegación española en Londres. “O de David Cal é un enorme éxito, pero é a excepción; no resto, foi un fracaso porque case non houbo clasificados para os Xogos, exceptuando as invitacións”, explica, tras insistir: “Lembremos que Cal adestrou de maneira independente, á marxe de todos os demais”. 

Porque o recoñecemento a David Cal é innegable, así como o era cando Ramos Misioné gañou as súas medallas. “Había moitos medios de comunicación, pero sentiámonos recoñecidos porque daquela España non gañaba nada e nós, os piragüistas, eramos unha excepción”, asegura quen agarda que as novas xeracións de rapaces sigan o ronsel dos padexeiros do Morrazo. De Cal, pero tamén de Teresa Portela ou de Carlos Pérez Rial.

Ramos Misioné, coa súas dúas medallas olímpicas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.