Policías locais a bordo dos autobuses urbanos por tempo indefinido e sen previo aviso concreto sobre as liñas e horarios. É o plan que vén de activar o Concello de Lugo para tentar frear unha práctica estendida e que, en verbas da alcaldesa da cidade, Lara Méndez, "condiciona toda a circulación da cidade": o aparcamento de vehículos privados nas paradas do bus.
"Aos poucos minutos de traxecto, o chofer non ten máis remedio que obstaculizar toda a calzada" porque "a parada está ocupada por vehículos particulares", describe o Concello sobre un dos primeiros traxectos con axentes a bordo
A rexedora socialista e o intendente da Policía Local, Jesús Piñeiro, achegáronse este 2 de decembro a un dos primeiros autobuses incorporados á iniciativa, da liña 1.3, que atravesa a cidade ao comunicar o campus universitario -no sur- co polígono industrial do Ceao -no norte- a través de rúas con moita poboación e tráfico como a rolda das Fontiñas. "Aos poucos minutos de traxecto, o chofer non ten máis remedio que obstaculizar toda a calzada, impedindo o resto da circulación, para permitir que as persoas usuarias entren e saian do transporte público", describe o Concello.

A razón dese atranco, evidencia, non é outra que o feito de que "a parada está ocupada por vehículos particulares". Neste caso, "a manobra foi rexistrada por dous axentes uniformados da Policía Local" a bordo do autobús e saldouse cunha multa de 200 euros.
Aparcar nas paradas do bus "dificulta as manobras do transporte público, xera atrasos nas liñas, pon en risco as persoas usuarias que deben invadir a calzada e afecta o resto do tráfico", subliña a alcaldesa
Que os axentes uniformados suban ao bus, detalla o goberno local lucense, pretende sancionar as condutas indebidas, pero tamén "disuadir os condutores de realizar estacionamentos indebidos nas prazas do bus urbano", unha práctica relativamente frecuente e que da que a Policía Local "detecta un abuso nos últimos meses". O Concello subliña que a fin deste plan non ten data, porque dependerá "en boa medida, do grao de concienciación" que logre.
Aparcar o coche privado na parada do autobús, evidencia a alcaldesa, "dificulta as manobras do transporte público, xera atrasos nas liñas, pon en risco as persoas usuarias que deben invadir a calzada e afecta o resto do tráfico rodado". A vixilancia, agrega o intendente da Policía Local, terá quendas de mañá e tarde e fará "fincapé en zonas e franxas concretas, onde se rexistra unha reiteración excesiva deste tipo de infracción". Aparcar na parada do bus, subliña, "é motivo de multa e pode implicar tamén a retirada do vehículo polo guindastre".