En apenas tres meses o mandato municipal iniciado tras as eleccións de maio de 2023 chegará á metade. Malia a algunhas lecturas máis ou menos forzadas, o certo é que en Galicia aquelas eleccións non se corresponderon co retrato robot trazado para o conxunto do Estado en clave de tsunami da dereita.
O PP avanzou significativamente -máis de cinco puntos- tras dúas municipais seguidas, as de 2015 e 2023, máis desfavorables do habitual para a formación e anotouse dous triunfos notables ao lograr retornar á alcaldía de Ferrol e á presidencia da Deputación de Pontevedra. Pero, alén disto, o certo é que a esquerda revalidou o groso do poder nas principais institucións locais e PSdeG e BNG imperan nas alcaldías dos concellos onde reside a maior parte da poboación.

Boa mostra dese mapa político foi o que adoita ser un dos principais termómetros das urnas municipais galegas: as sete principais cidades. Socialistas e nacionalistas, en solitario ou con alianzas, seguen erguendo a maioría dos bastóns de mando nunhas contornas urbanas nas que os populares perderon a hexemonía hai xa máis dun cuarto de século. Malia ser certo que en varios destes casos as alcaldías do espectro progresista non contan con maiorías estables, non o é menos que o principal asunto que cada goberno municipal debera sacar adiante cada ano, os orzamentos, só está atascado nunha urbe dependente da dereita, Ourense.
Vigo, con maioría absoluta do PSdeG, principiou 2025 coas contas aprobadas e Ferrol, con absoluta do PP, sacounas adiante nos primeiros días do ano
O proxecto orzamentario de 2025 que saíu adiante con maior fluidez na Galicia urbana volveu ser, como adoito, o de Vigo. A maioría absolutísima do PSdeG de Abel Caballero aprobounos definitivamente cando faltaba unha semana para finalizar 2024 cun montante de 334,6 millóns, completando así o obxectivo de entrar no novo ano coas contas correspondentes en marcha.
O outro goberno local urbano con maioría absoluta dun só partido, o do PP en Ferrol, foi neste 2025 máis dilixente cos seus orzamentos que en 2024, cando non os aprobou ata o 9 de abril. Desta volta o gabinete de José Manuel Rey Varela non culminou o trámite antes do 1 de xaneiro, pero si o fixo pouco despois, coa aprobación definitiva o día 13 do primeiro mes do ano dun proxecto orzamentario de case 92 millóns de euros.

Na segunda cidade máis poboada do país, A Coruña, o goberno en minoría da socialista Inés Rey non contou, ao contrario que en 2024, co apoio do BNG para aprobar os orzamentos, toda vez que a formación nacionalista sinalou como incumpridos varios aspectos do acordo polo que apoiara as anteriores contas. Neste escenario, Rey optou por activar o mecanismo legal que permite ligar a aprobación das contas a unha cuestión de confianza sobre a súa continuidade na alcaldía.
A alcaldesa da Coruña recorreu á cuestión de confianza para aprobar o orzamento, en Santiago o goberno de BNG e CA pactounos cos edís socialistas malia ao seu conflito interno
Segundo o previsto, a socialista non tivo votos dabondo para sacar adiante a cuestión de confianza. Pero os demais grupos da oposición non artellaron unha moción de censura -a única fórmula posible sería unha unión do PP co BNG, que o Bloque desbotou en calquera escenario-, polo que o pasado 12 de marzo o orzamento quedou aprobado automaticamente cunha dotación de 379 millóns. O goberno local lamentou que o "non" de nacionalistas e socialistas provocase que a cidade "perdese" un trimestre orzamentario malia a certeza de non existir goberno alternativo.
Onde o goberno local tampouco conta coa maioría absoluta de edís no pleno é en Santiago. O equipo de BNG e Compostela Aberta liderado pola nacionalista Goretti Sanmartín pactou os orzamentos co PSdeG local a mediados de xaneiro, pouco antes de que estourasen de vez os problemas internos dos socialistas composteláns. Non obstante, a finais de febreiro o gabinete de Sanmartín sacou adiante a aprobación inicial das contas cos seus votos e mais dos dos socialistas -no momento, aínda formando un único grupo- e todo apunta a que sucederá o mesmo coa aprobación definitiva dun montante de 145,9 millóns de euros.

En Lugo o goberno local de PSdeG e BNG si conta cunha estable maioría absoluta. Neste caso, a aprobación dos orzamentos pactados entre ambas forzas, de 121 millóns de euros, quedaron fiados de vez a finais de xaneiro e antes do remate dese mes recibiron a aprobación inicial do pleno. A súa tramitación, como todos os demais asuntos da xestión municipal, quedou marcada o 1 de marzo polo inesperado falecemento da alcaldesa, Paula Alvarellos. Non obstante, o pasado 27 de marzo o primeiro pleno ordinario presidido polo novo alcalde, o tamén socialista Miguel Fernández aprobou definitivamente as contas cos votos dos socios do goberno de coalición.
En Lugo o goberno de coalición de PSdeG e BNG vén de sacar adiante o orzamento tras o golpe pola morte da alcaldesa Alvarellos. En Pontevedra, o goberno do Bloque aprobouno tras un pacto co PSdeG
A luz verde definitiva aos orzamentos de Lugo chegaba apenas tres días despois de que sucedese o propio en Pontevedra. Fronte ás tensións de exercicios previos, nos que o goberno do nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores mesmo tivera que recorrer á fórmula da cuestión de confianza, desta volta o BNG pechou un acordo orzamentario co PSdeG, que no anterior mandato formaba parte do goberno. O pleno pontevedrés aprobou definitivamente as contas dotadas con 98,6 millóns na súa sesión de marzo, polo que tamén na cidade do Lérez o segundo trimestre comezará cos deberes orzamentarios feitos.
Ourense, sen orzamentos ao día dende 2020
Fronte a este panorama xeral de aprobación dos orzamentos en prazo -ou practicamente- nas dúas cidades con gobernos de maioría absoluta monocor e no primeiro trimestre do ano onde foi preciso o concurso de máis dunha forza política, en Ourense o goberno en minoría de Democracia Ourensana suma este ano o quinto exercicio consecutivo sen contas municipais actualizadas, aínda que vén salvando diversos atrancos económicos grazas aos votos do PP no pleno.

O último orzamento aprobado en tempo e forma no Concello de Ourense data de 2020. Daquela o consistorio estaba rexido por DO e PP gobernando nun bipartito que racharía durante o mandato e, xa en 2021, Gonzalo Pérez Jácome optou por unha prórroga que se reproduciu o resto do mandato e tamén no que vai do actual, iniciado en 2023 con Jácome recuncando grazas aos populares. O actual alcalde descualificara co dureza o seu antecesor, o popular Jesús Vázquez, por non dar sacado adiante un só orzamento ao non contar, como lle sucede a el na actualidade, con maioría absoluta no pleno.