A moción de censura no Concello de Ourense para desaloxar a Gonzalo Pérez Jácome da alcaldía, máis cerca. Ou menos lonxe.
Os tres grupos que compoñen a oposición municipal (PP, PSdeG e BNG) acudiron este xoves á xuntanza convocada polos socialistas para, tras formularen o que chamaron "pacto da concordia" -catorce puntos para levar adiante dende unha "alternativa de goberno responsable", exploraren vías para levalo á realidade. E esa posibilidade, á luz das posturas explicitadas, pasa por que a vindeira alcaldía sexa do PSdeG.
A xuntanza, explica a voceira do PSdeG, Natalia González, foi "longa e produtiva" e por iso "agradece" a populares e nacionalistas que concordasen en "dar un paso adiante para ofrecer unha alternativa de goberno estable á cidade e que poida materializarse en próximas datas". O que agora comezou, agrega, é " un proceso de negociación" que implica "superar filias e fobias" e "aproveitar unha oportunidade histórica".
10 dos 17 edís que suma a actual oposición prefiren unha alcaldía socialista: os 6 do PSdeG e os 4 do BNG, que reitera que a súa postura é "a mesma" que no inicio do mandato: "Nin Jácome nin o PP" co bastón de mando
Asegura González que abordar "o reparto de cadeiras dende o principio non serve absolutamente para nada" aínda que xa ficase claro que "cada partido ten as súas preferencias" e "iso non se pode ocultar". Esas preferencias pasan, no caso de 10 dos 17 edís que suman a actual oposición (7 populares, 6 socialistas, 4 nacionalistas), por unha alcaldía do PSdeG.
Alén dos motivos obvios dos socialistas -que cando menos publicamente non reclamaron a alcaldía para si-, a razón para que a operación resulte viable con esta fórmula cómpre buscala na posición do BNG. A través do edil Xosé Manuel Puga, a formación soberanista evidenciou tras o encontro que a súa postura é "a mesma" que a do inicio do mandato: "Nin Jácome nin PP" na alcaldía de Ourense. "Se PP e PSOE se poñen de acordo, o BNG estamparía a sinatura" na moción de censura coa "única condición" de que o alcalde ou alcaldesa "sexa do PSOE".
E, que di o PP de Ourense? Apenas un ano despois de propiciar a reelección de Jácome na alcaldía contra o criterio de, entre outros, o que fora o seu candidato -o ex-alcalde Manuel Cabezas, que dimitiu pouco despois-, consideran o documento de catorce puntos formulado polo PSdeG un "bo punto de punto de partida para empezar a traballar". Pero cargan con dureza contra o BNG por desbotalos para a alcaldía cando eles, asegura a concelleira Noelia Pérez, non teñen "ningunha liña vermella" con ningún edil nin "ningunha formación".
O PP carga contra o BNG, ao que descualifica como "frívolo" e "radical", pero accede seguir negociando "un acordo programático" antes de valorar se finalmente se suma á moción de censura contra Jácome un ano despois de propiciar a súa reelección como alcalde
"Se nos descoidamos, o PP ten culpa de que chova esta fin de semana", di a concelleira conservadora tras cualificar o Bloque de "frívolo" e "radical" ou de poder "negociar con Bildu e non connosco". Non obstante, engade a actual voceira municipal, Sonia Ogando, o partido está en disposición de quen "un goberno a tres saia adiante" e por iso están dispostas a "seguir dialogando", a comezar por acudir á xuntanza proposta polo PSdeG para a vindeira semana.
Malia consideraren que o deste pasado xoves "non foi un bo comezo", di Pérez, seguirán negociando nun momento que non é para "falar de cadeiras", en referencia á alcaldía. Antes, agrega, cómpre "ter un acordo do que se vai traballar" e non só "quen vai gobernar". Porque "se non hai acordo programático, quen se poña de alcalde está vendido" para os tres anos que restan de mandato.
Diante destas negociacións para desbancalo da alcaldía, o actual alcalde ve "difícil de crer" que, finalmente, o PP acceda a participar nunha moción de censura. Porque, argumenta Jácome, "agora que o PSOE está derrotado" suporía "revivilo coa alcaldía" e ademais coida que os populares non se "fían" de que os socialistas "non lles quiten acto seguido a Deputación" e que "o PSOE, hoxe sen nada, quede con todo". No anterior mandato, a posibilidade dunha moción de censura en Ourense descarrilou, en boa medida, pola negativa do PP a acceder á investidura dun candidato do PSdeG, na altura primeira forza da corporación.