O Xulgado do Social número 1 de Ourense dá por probado que o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, acosou laboralmente o interventor municipal. E que a culminación dese acoso foi o seu cesamento no posto o pasado 2023, decisión que anula nunha sentenza que, ademais, impón ao Concello unha indemnización de 30.000 euros para o funcionario.
A sentenza impón ao Concello unha indemnización de 30.000 euros ao traballador e anula a súa destitución
En reposta a unha demanda interposta polo interventor destituído, o xulgado ve acreditado que a orixe da destitución está nun informe, abordado no pleno de agosto do ano pasado, no que o interventor examina e se opón ás decisións que Jácome adoptou sobre gastos por importe de case 25 millóns de euros. O rexedor, di, emprendeu "unha campaña de desprestixio" contra o interventor, dende as redes sociais ata os plenos, coa "finalidade de xustificar ante a opinión pública o seu futuro cesamento" ao "resultar un funcionario incómodo".
O interventor, sostén o maxistrado, "foi sometido a un proceso de acoso coa finalidade de destituílo do seu cargo". Non se trata, entende, dun "mero conflito". O líder de Democracia Ourensana actuou neste caso de maneira "desproporcionada" sen "máis finalidade que a de danar a integridade psíquica do traballador" por tres vías: declaracións nos plenos, impedimentos de que falase nesas mesmas sesións e publicacións en internet.
O xuíz ve probado que o rexedor emprendeu unha "campaña de desprestixio" contra o interventor nos plenos e nas redes sociais antes de aprobar o cesamento, "unha sucesión de actos nulos de pleno dereito"
Tras o acoso chegou o procedemento de cesamento. Foi, sempre segundo a consideración do xuíz, "completamente ilegal, por falta de competencia do señor alcalde, conforme á normativa vixente, para proceder ao cesamento do demandante".
Neste contexto, o maxistrado tamén advirte de que as palabras de Jácome contra o interventor non poden encadrarse nun exercicio de liberdade de expresión. "O señor alcalde confunde a súa posición de xefe de persoal co seu papel político" e tamén obviou, acrecenta, "toda a lexislación especial que regula o persoal funcionario con habilitación de carácter nacional", caso dos interventores, que "ten como misión protexer a súa autonomía funcional".
Polo tanto, o cesamento non foi máis ca "unha sucesión de actos nulos de pleno dereito" por ser "ditados por un órgano manifestamente incompetente" para facelo. Ademais, indica, a conduta de Jácome provocou "un dano na saúde" do traballador. Contra esta sentenza cabe recurso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Arquivo da investigación da Fiscalía contra Jácome
O goberno local pon o foco en que a Fiscalía arquiva a denuncia contra o alcalde por malversación
A sentenza que anula o cesamento do interventor chega na mesma xornada en que o Goberno Municipal de Ourense pon o foco noutra resolución, neste caso da Fiscalía Provincial Ourensá. Ese órgano do Ministerio Público, subliña o goberno de Democracia Ourensana, acordou arquivar a investigación que abriu tras unha denuncia do partido Coalición de Centro Democrático (escindidos de DO), que acusaba a Jácome de prevaricación e malversación "por simultanear a súa actividade profesional e a dedicación exclusiva como alcalde".
Subliña o gabinete de Jácome que a Fiscalía descarta "que os feitos denunciados integren un delito de prevaricación administrativa". E tampouco, agrega, "observa os elementos típicos que caracterizan o delito de malversación de fondos públicos".