O PSdeG de Ourense concreta en 14 puntos a oferta a PP e BNG para botar a Jácome

Casa do Concello de Ourense e encabezamento do documento do pacto proposto polo PSdeG a PP e BNG CC-BY-SA Foto: Oscariño | Montaxe: Praza.gal

"O pacto da concordia". É o título co que o PSdeG de Ourense encabeza a que xa é a súa oferta formal a PP e BNG para desaloxaren a Gonzalo Pérez Jácome da alcaldía de Ourense cunha moción de censura. Ou, o que é o mesmo, para que os populares (7 edís) abxuren do seu segundo pacto co líder de Democracia Ourensana e pasen a participar noutro da man de socialistas (6 edís) e nacionalistas (4) no que sería unha experiencia inédita na Galicia urbana democrática.

Os socialistas aseguran que detectaron en populares e nacionalistas "vontade política" para acordaren unha moción de censura e por iso dan "o seguinte paso" propoñendo un plan de 14 medidas que obvia a cor política que tería a nova alcaldía

Nas últimas semanas, os socialistas ourensáns lanzaron contactos con PP e Bloque para teceren conxuntamente unha "alternativa de goberno responsable" fronte ao que consideran unha situación de "parálise, desmantelamento de servizos e colapso económico" no Concello. Ambas forzas serían imprescindibles para a operación xunto co propio PSdeG e a súa voceira e secretaria local, Natalia González, asegura que "confirmou" a "vontade política" nas dúas. Por iso, di, dan "o seguinte paso" cunha "proposta formal" de catorce puntos entre os que non está a que sería unha clave esencial: a cor política da alcaldía que ostenta Jácome, líder da forza máis votada.

A oferta dos socialistas, que materializaron graficamente combinando as imaxes corporativas de PP, PSdeG e BNG, está encabezada polo compromiso de "elaborar e aprobar o orzamento municipal" para 2025 tras catro exercicios consecutivos sen contas actualizadas. Tamén en clave económica, propón unha auditoría das contas do consistorio e un plan de pagamento a provedores do Concello.

Aprobar os orzamentos de 2025, unha auditoría das contas municipais ou un novo PXOM destacan entre as medidas que os socialistas propoñen acordar canda á censura a Jácome

Lanzar os contratos municipais das concesións "en precario", "restablecer" plans cancelados en áreas como Benestar Social ou Igualdade inclúense tamén nunha proposta na que insiren unha das grandes materias pendentes, "desbloquear e aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal" cunha formulación "legal e sostible". Ligado co PXOM propoñen tamén aprobar o Plan Especial das Burgas para "revitalizar" o casco histórico.

Unha nova relación de postos de traballo xunto con diversas medidas en materia de emprego público, accións para potenciar o termalismo ou o comercio local, "desbloquear" as obras da praza de abastos ou recuperar a Universidade Popular son tamén parte dunha oferta que culmina promovendo "colaboración institucional". Un eventual novo goberno, din, estaría en "diálogo permanente coa Deputación, Xunta e Goberno de España" para "levar adiante proxectos estratéxicos".

Pacto proposto polo PSdeG a PP e BNG para acordaren unha moción de censura contra Jácome en Ourense CC-BY-NC-SA PSdeG

A Deputación, precisamente, é unha das claves do enredado escenario político ourensán. Non en van, o segundo pacto de Jácome co PP baseouse no sostemento da alcaldía a cambio de que os votos e DO permitisen aos populares reter o goberno do organismo provincial, no que os de Alfonso Rueda culminaron a remuda de José Manuel Baltar por Luis Menor.

Ante os primeiros movementos, Jácome asegurou propoñer a PSdeG e BNG outra censura: na Deputación para desbancar ao PP

A finais de maio, tras as declaracións nas que o PP se abría a contemplar a censura no Concello, Jácome asegurou que ofrecía a PSdeG e BNG a súa propia moción, pero para deixar os populares sen a Deputación. Ambas votacións cruzadas semellan imposibles e conducen ao dilema político que hai un ano, tras as municipais, acabou derivando en que PP e DO retivesen o poder provincial e municipal, respectivamente.

Agora o PSdeG asegura que a situación pode mudar porque é "o momento da valentía". "Confiamos plenamente en que tanto o BNG como o PP estarán á altura, deixarán a un lado as diferenzas políticas e porán Ourense por diante", mantén Natalia González

Gonzalo Pérez Jácome co bastón de mando tras a súa segunda toma de posesión como alcalde de Ourense o 17 de xuño de 2023 © Concello de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.