Esta semana o agora senador Baltar foi enviado a xuízo no Supremo por conducir o coche oficial da Deputación de Ourense a 215 por hora
O pasado xoves o Tribunal Supremo revelou que, dous días antes, a maxistrada Ana María Ferrer decidira definitivamente abrir xuízo oral contra José Manuel Baltar. Acúsao dun delito contra a seguridade viaria por conducir o coche oficial da Deputación de Ourense a 215 por hora o 23 de abril de 2023 pola Autovía das Rías Baixas á altura de Asturianos (Zamora).
O caso é competencia do Supremo e non do xulgado do penal zamorano que o asumiu inicialmente porque, dende o verán de 2023, o dirixente do PP ourensán é senador por designación do Parlamento de Galicia. E, polo tanto, tamén é aforado, condición que provoca que teña que responder ante o Supremo dos eventuais delitos que cometa.
A ese posto enviárono os populares galegos escasos días despois de consumar a súa retirada da presidencia da Deputación de Ourense, cargo que herdara do seu pai en 2012 e que revalidara tras as municipais de 2015 por maioría absoluta e tamén despois das de 2019, naquel caso mediante un pacto bipartito con Democracia Ourensana a cambio da alcaldía da capital da provincia. O seu sucesor foi Luis Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar, dirixente de confianza de Alfonso Rueda a quen o presidente da Xunta e do PPdeG encomendou a pilotaxe do posbaltarismo e quen dende este sábado é tamén formalmente presidente do partido na provincia. Para facelo foi preciso, non obstante, outro pacto tras as municipais do pasado 2023 co partido de Gonzalo Pérez Jácome.
O acelerón de Baltar aos mandos do vehículo oficial da Deputación rumbo a terras castelás valeulle xa daquela unha multa da Garda Civil, actualmente suspendida "á espera de que conclúa o proceso penal". E pódelle supoñer enfrontarse a unha condena de tres a seis meses de prisión, multa de seis a doce meses, traballos en beneficio da comunidade de un a tres meses e entre un e catro anos de retirada do carné.
Esas consecuencias penais serán as que se diluciden no xuízo que agarda polo herdeiro da familia política que controlou a provincia de Ourense e foi clave na dereita galega durante máis de tres décadas. Entre as repercusións políticas estivo outro acelerón, o do devalo da dinastía Baltar.
O caso do exceso de velocidade axudou a dirección galega do PP a acelerar a fin do baltarismo mediante o pago de peaxes como o segundo pacto con Jácome ou o propio envío de Baltar ao Senado
Baltar fillo mantivo, en moi boa medida, a capacidade de conservar o PP de Ourense como unha fenomenal máquina electoral. Pero non tanto como para preservar as maiorías absolutas na Deputación de Ourense. Resistiu con notable solvencia a primeira perda do poder total na institución provincial, pero tras a segunda caeu impulsado, entre outros aspectos, polo proceso que agora se ventila no Tribunal Supremo.
Entre as peaxes que a dirección galega do PP se brindou a pagar pola fin do baltarismo -a cal mesmo Alberto Núñez Feijóo procurara xa unha década antes, fracasando con estrépito- destaca, alén do envío e Baltar ao Senado, a reedición do pacto con Pérez Jácome. O mesmo que permitiu ao líder de DO seguir na alcaldía tras as municipais de 2023 -nas que logrou ser primeira forza-. O mesmo que, nos últimos días, ecoou na ruptura das conversas con PSdeG e BNG na cidade de Ourense a respecto dunha eventual moción de censura contra o alcalde.
Esa ruptura das negociacións, adoptada segundo fontes coñecedoras no clima de división que vén lastrando o PP da cidade de Ourense, chegou xusto antes de que os populares ourensáns brindasen os seus votos a Jácome para, mediante unha abstención, permitirlle contratar as luces de Nadal malia aos reparos da intervención municipal. Fixérono nun contexto no que socialistas e nacionalistas xa aventuran novos acordos de maior profundidade.
Mentres o Supremo procede contra Baltar, o PP en Ourense rompe de vez as negociacións para unha eventual moción de censura contra Jácome
Todo isto, dende o peche da posibilidade de desaloxar a Jácome da alcaldía ata o envío de Baltar a xuízo, sen que tivese unha repercusión especialmente significativa neste xullo político galego. Apenas unha esixencia, por parte do BNG, de que Rueda propicie a retirada do escano no Senado ao seu antigo líder provincial e evite así unha "vergoña" institucional que ten a súa orixe nunha designación "para tapar os seus problemas internos", sinalou a deputada ourensá Noa Presas.
O limitado eco dos sucesos ourensáns quere lembrar, entre outros, o que adquiriu o segundo pacto bipartito PP-DO en 2023, alumeado tras senllas desautorizacións de facto aos que foran candidatos popular e socialista á alcaldía por parte de cadanseus partidos. Mentres, controversias de -a priori- menor transcendencia como a colocación ou non dunha pantalla en Santiago para ver a final da Eurocopa ou as reiteradas adxectivacións de Alfonso Rueda sobre o recente congreso da UPG si acadaron maior impacto. Ourense, cabe deducir, fica lonxe.