Os socialistas din que hai unha "trama de ocultación deliberada de información" sobre o uso "irregular" de vehículos oficiais por parte do anterior presidente provincial
Unha hora antes de que o 23 de abril de 2023 José Manuel Baltar fose parado e denunciado pola Garda Civil en Zamora por circular a 215 quilómetros por hora un radar detectara o mesmo vehículo circulando á altura de Allariz a 173 por hora. Nesa infracción o vehículo non foi detido senón que posteriormente se pediu ao propietario, a Deputación de Ourense, que identificase o condutor. Non o fixo, e segundo agora denuncia o PSOE de Ourense aquelo supuxo ter pagar un recargo que elevou a sanción a 1.200 euros.
Os socialistas dan por feito que o condutor non identificado do vehículo era Baltar e desvelan o importe do recargo tras lograr consultar o expediente administrativo. Pero denuncian que a Deputación só lles permitiu "ter acceso ao visionado do expediente, pero non a dispor da documentación", polo que consideran que hai unha "trama de ocultación deliberada de información" sobre o uso "irregular" de vehículos oficiais por parte do anterior presidente provincial.
Os socialistas tamén aseguran que na documentación que puideron consultar pero sen lograr obter copia "non existe rexistro de saída do vehículo oficial nese día, coincidindo ademais coa inexistencia de axenda institucional do entón presidente, Manuel Baltar". "Unha administración pública que non defende a verdade, que encubre e que non investiga o que acontece é unha administración baixo sospeita", critica o secretario provincial socialista, Rafa Villarino.
A próxima semana o Senado decidirá sobre o levantamento da inmunidade de Baltar pedido polo Supremo para xulgalo por un delito contra a seguridade viaria
Baltar, hoxe senador, está pendente de que a próxima semana o Pleno do Senado decida sobre o levantamento da súa inmunidade solicitado polo Tribunal Supremo para poder xulgalo por un presunto delito contra a seguridade viaria. A maxistrada do Supremo que leva o seu caso considera que hai "indicios racionais de criminalidade" suficientes para xulgalo. Pola contra, Baltar negou ante o Supremo que conducise a 215 por hora e atribuíu as acusacións a unha "campaña".