A xuíza ve indicios suficientes de delito e pide ao tribunal que envíe un suplicatorio ao Senado para xulgar o senador e ex-presidente da Deputación de Ourense
A maxistrada do Tribunal Supremo que instrúe a causa contra José Manuel Baltar por conducir un coche oficial da Deputación de Ourense a 215 quilómetros por hora o 23 de abril do pasado ano considera que hai indicios suficientes de delito para xulgar o agora senador popular e vén de propoñer que o alto tribunal envíe un suplicatorio ao Senado para suspender a súa inmunidade. Un aforamento que fai que só o poida xulgar o Supremo desde que foi elixido senador nas xerais do pasado xullo logo de que Feijóo validase a súa inclusión na lista a esa cámara pola provincia de Ourense.
A instrutora da causa contra Baltar considera que hai "indicios racionais de criminalidade" suficientes para consideralo autor dun delito contra a seguridade viaria por circular a máis de 80 quilómetros por hora por riba da velocidade permitida. O límite no lugar de Zamora da autovía A-52 na que foi detectado pola Garda Civil era de 120 e o radar indicou que circulaba a 215, e mesmo aplicando a marxe de erro do 5% contemplada pola xurisprudencia estaría circulando a 204 por hora.
O escrito que a maxistrada vén de elevar á Sala do Penal do Tribunal Supremo sinala que os indicios de delito apreciados contra Baltar susténtanse nos datos incorporados ao atestado levantado pola Garda Civil así como as súas sucesivas ampliacións. Nelas, di, recompílanse os resultados obtidos na medición do radar e os certificados de verificación do mesmo.
A maxistrada desbota que non se poida xulgar penalmente a Baltar porque xa pagase a multa administrativa, como argumentou a súa defensa
A maxistrada tamén di, en resposta a unha das alegacións de Baltar, que o feito de que este "fose sancionado administrativamente polos mesmos feitos e como sostén, abonada a correspondente sanción, que supuxo ademais a perda de algúns puntos do permiso de conducir, non obxecta a presente causa penal". Por todo iso, a maxistrada solicita que o Tribunal Supremo tramite ante o Senado "suplicatorio para suspensión a inmunidade do Senador D. José Manuel Baltar Blanco".