O senador do PP José Manuel Baltar negou este martes ante o Supremo que conducise a 215 quilómetros por hora na A-52 o pasado 23 de abril, tal e como sinalara a Garda Civil no seu informe, atribuíu as acusacións a unha "campaña" e mostrouse contrario a que o tribunal envío o suplicatorio ao Senado para que sexa xulgado por un delito contra a seguridade viaria.
Así o asegurou o seu avogado, Ramón Montero, á saída do tribunal logo de que o ex-presidente da Deputación de Ourense comparecese ante a maxistrada instruturoa Ana Ferrer, quen o citara este martes para que declarase voluntariamente por ese presunto delito contra a seguridade viaria e logo de que non acudise a outra cita a pasada semana alegando razóns de saúde do seu letrado.
O avogado nega que Baltar superase os 200 km/h no coche oficial e sostén que os feitos "xa foron resoltos" e que non se pode reabrir a causa
"Non existiu en momento ningún unha velocidade superior a 200 km/h", dixo o avogado, negando daquela o informe da Garda Civil, para logo asegurar que os feitos "xa foron resoltos" porque, segundo dixo, Baltar xa aboou unha multa pola vía administrativa. "Houbo un expediente, como a calquera cidadán na mesma situación, por ter tido nalgún momento unha multa por exceso de velocidade", insistiu.
Por todo isto, dixo Montero, o asunto "non debe dar lugar a ningún tipo de continuidade da causa" e cualificou de "innecesario" o suplicatorio á Cámara Alta. "Para que un xuíz derive unha autorización preceptiva das Cortes por unha persoa aforada é porque existe algún indicio dalgún tipo de actuación delituosa. Neste caso non o hai", engadiu o letrado, que foi máis aló, ao cualificar de "campaña" as acusacións a Baltar.
"Todo o que xurdiu arredor [do caso] foi lamentable porque se fixo unha campaña, acusacións que non se corresponden con realidade ningunha", asegurou. "Non se pode reabrir un procedemento que xa foi obxecto de sanción pero, sobre todo, moito máis importante, é que non era constitutiva dunha actuación delitiva ningunha", rematou quen pediu que se aplique "a igualdade ante a lei" no caso de Baltar.
itado inicialmente para un xuízo rápido nun xulgado de Pobra de Seabra o 9 de maio, Baltar logrouno adiar a despois das eleccións municipais do 28 de maio ao mudar o xuízo rápido por outro ordinario, que pasou a depender dun xulgado do Penal de Zamora. Pero a nova citación, para tres días despois dos comicios, volveu ser adiada por unha folga de persoal da xustiza.
Finalmente os resultados das eleccións municipais non permitiron ao PP controlar en solitario a Deputación de Ourense e recorreu novamente ao apoio da Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome, nunha operación que supuxo a saída de Baltar da presidencia provincial. Esa marcha concretouse o 17 de xullo, pero apenas dez días despois o PP facíao senador por designación do Parlamento de Galicia. E o 17 de agosto Baltar tomaba posesión como senador.
No seu auto, o Supremo aclarara que abría procedemento contra Baltar e anunciaba que existen "indicios da comisión dun feito delitivo". Ademais, explicaba que antes de que se enviase a causa ao alto tribunal, o Ministerio Fiscal presentara un escrito de acusación no mes de maio, considerándoo autor dun delito contra a seguridade viaria e solicitando unha multa de 1.800 euros e a retirada dun ano do carné de conducir.
Logo, o xulgado de instrución acordou a apertura de xuízo oral, pero acreditada a condición de senador de Baltar, o xulgado do Penal número 1 de Zamora inhibiuse en favor do Supremo, que se declarou competente e abriu un procedemento contra el pola súa condición de aforado.
Baltar acudiu este martes a declarar voluntariamente tras a segunda citación que estendeu a xuíza logo da do pasado 12 de decembro. O obxectivo desta declaración é determinar a viabilidade das pescudas antes de cursar o debido suplicatorio ao Senado para proceder formalmente contra o ex-presidente da Deputación.