O PP rompe as negociacións para unha posible moción de censura contra Jácome en Ourense. Así o veñen de ratificar os conservadores, que culpan da ruptura a PSdeG e BNG. Tras as municipais de 2023 Democracia Ourensana foi primeira forza na cidade e os populares garantíronlle a alcaldía a Jácome a cambio de reteren para si o goberno da Deputación.
Fálase
Falece o historiador Justo Beramendi. Catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do Museo do Pobo Galego ata 2022, Beramendi escolleu ser galego e deixa unha gran contribución á cultura do país con obras como De provincia a nación. Historia do Galeguismo político, co que gañou o Premio Nacional de Ensayo en 2008.
Aprobado o Real Decreto polo que se crea a especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias. O Consello de Ministros dá luz verde a esta nova especialización no eido médico, que terá un período de formación mínimo de catro anos, coincidindo os dous primeiros coa especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria. A norma establece un procedemento para que os profesionais nunha das dúas especialidades poidan obter o título da outra, mediante unha proba de avaliación e un período formativo. [Imaxe @Monica_Garcia_G]
A tenista Jessica Bouzas Maneiro logra a súa primeira vitoria nun Grand Slam na pista central do torneo de Wimbledon. A vilagarciá elimina a actual campioa de Wimbledon en dous sets e seguirá competindo nas seguintes rondas. "É un dos momentos máis importantes da miña vida e da miña carreira. Este é un dos torneos máis incribles nos que xoguei", dixo Bouzas desde a pista tras resultar vencedora. [Imaxe © Wimbledon]
O correspondente da TVG en Madrid, novo director da sede da Xunta na capital de España. O Goberno galego confirma o nomeamento de Luis Ramos como responsable da Casa de Galicia en Madrid, co que di pretender "consolidar" o papel desta delegación como "espazo de representación institucional da Xunta" na cidade. Ramos viña exercendo na delegación madrileña da Televisión de Galicia dende hai vinte anos, onde "cubriu os principais acontecementos da política española", salienta a Xunta nun comunicado. O anterior responsable da Casa de Galicia en Madrid veu sendo o concelleiro do PP de Lugo Javier Vázquez.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asina o acordo das comunidades gobernadas polo PP para organizar unhas probas de acceso á universidade comúns. "Estamos facendo o que non fai o Goberno de Pedro Sánchez no que se refire a xerar un marco de igualdade de oportunidades para todos os estudantes", afirmou Rodríguez no acto do seu partido presidido por Feijóo, quen explicou que esta ABAU terá "datas comúns de exames, formatos coa mesma estrutura e mesmos criterios de corrección" que "poderá facilitar a mobilidade dos alumnos".
A asociación LGTBI+ ALAS A Coruña convoca unha vixilia polo terceiro aniversario do asasinato de Samuel Luiz. Será este mércores, 3 de xullo, ás 20h na Avenida de Bos Aires, ao carón da discoteca Playa Club. Co fin de respectar o proceso xudicial, no que a asociación exerce a acusación popular, non farán lectura de ningún manifesto. O xuízo, con xurado popular, comezará o 16 de outubro na Audiencia da Coruña.
A presidenta de ALAS A Coruña, Ana G. Fernández, incide no "impacto que os discursos de odio teñen na sociedade, normalizando actitudes hostís ou mesmo abertamente violentas, contra as que estaremos sempre vixiantes, para facer da nosa sociedade unha plenamente igualitaria". [Imaxe da homenaxe a Samuel Luiz na véspera do primeiro aniversario do seu asasinato CC-BY-SA Marea Atlántica]
A extrema dereita imponse na primeira volta das eleccións lexislativas en Francia cun 34% dos votos, segundo as primeiras proxeccións de Ipsos para os medios públicos franceses. Tras a formación de Le Pen e os seus aliados sitúase a Nova Fronte Popular con arredor do 28% e en terceira posición, as candidaturas do partido do presidente Emmanuel Macron, con arredor do 20%. Nesta ligazón pódese consultar o escrutinio oficial dos comicios, que vivirán a semana vindeira unha transcendental segunda volta na que non é desbotable un escenario de bloqueo. Tras o peche das urnas tanto Macron coma o esquerdista Mélenchon e outros líderes chaman á concentración do voto contra a extrema dereita nas segunda volta, informa Libération. Na imaxe, o hemiciclo da Asemblea Nacional francesa.
AMPLIAMOS 👉 A primeira volta das lexislativas francesas deixa a extrema dereita ás portas do Goberno
Principian en Vila Nova de Famalicão os XV Xogos do Eixo Atlántico, con 2.400 mozas e mozas de toda a Eurorrexión, a cifra máis alta da historia desta competición. Desenvólvense ata o día 5 entre Famalicão e Braga con competición de balonmán feminino e masculino, voleibol feminino, baloncesto masculino e feminino, natación e natación adaptada, atletismo e atletismo adaptado e, como novidade desta edición, ao Fútbol 7 masculino e tamén feminino.
Milleiros de persoas responden á convocatoria de Ulloa Viva e a APDR para arrodear a sede central da Xunta en rexeitamento á fábrica de Altri en Palas de Rei.
- AMPLIAMOS | CRÓNICA E GALERÍA 👉 Berro masivo contra Altri ás portas da Xunta