Non sería a primeira vez que a democracia francesa salva un match ball contra a extrema dereita nunha segunda volta electoral. Pero a segunda volta do vindeiro domingo, 7 de xullo, é diferente. O Rassemblement National (RN) de Marine Le Pen e os seus aliados lograron a primeira vitoria da historia dos ultras nunhas lexislativas, unha primeira posición que os deixa ás portas do Goberno e que fai disparar as alarmas e os chamamentos ao cordón sanitario nas urnas.
O Rassemblement National logra por primeira vez a primeira posición nunhas lexislativas, coa unión das esquerdas como segunda opción
O todo ou nada lanzado por Emmanuel Macron tras os malos resultados do seu partido nas europeas do 9 de xuño saldouse coa primeira posición e algo máis do 33% dos votos para a extrema dereita, practicamente o duplo dos obtidos na primeira volta os anteriores comicios, celebrados en 2022, cando quedaran terceiros. A Nova Fronte Popular que agrupa as principais forzas de esquerda resistiu con case o 28% dos sufraxios e Ensemble, as candidaturas de Macron, sofren un duro pau: apenas un 20% e paso do primeiro ao terceiro posto.
Pero, como informa Pablo Mortera para infoLibre, a clave final destes comicios non está tanto nestas desacougantes porcentaxes como na repartición final de escanos na nova Asemblea Nacional. As proxeccións realizadas na noite electoral apuntan á posibilidade dun bloqueo institucional, coa extrema dereita logrando un resultado contundente pero sen maioría absoluta (a fronteira son 289 escanos) e co resto de formacións tamén con serias dificultades para artellar unha maioría de goberno.
A desfeita do partido de Macron provocaría, segundo as proxeccións, unha complexa aritmética parlamentaria para artellar unha maioría alternativa á de Le Pen se os ultras non logran a absoluta
A desfeita do partido de Macron, que pasaría de ter 172 asentos a entre 70 e 100, faría que fose preciso o apoio a unha maioría de freo á extrema dereita que fose apoiada dende a esquerda da Nova Fronte Popular ata os Republicanos, a dereita tradicional, dividida entre quen secunda os ultras e quen opta polo cordón sanitario.
Sexa como for, polo momento a primeira volta deixa elixidos só 75 escanos. A extrema dereita ten 38, a Nova Fronte Popular obtivo 32, a dereita tradicional e os seus aliados 3 e os macronistas, 2. Polo tanto, fica todo por decidir nunha segunda volta na que poden ser clave as estratexias dos partidos para facer ou non máis efectivo o sistema electoral francés.
Segundo a norma electoral francesa, os 557 membros da Asemblea se elixen en distritos electorais dun só membro; se ningunha opción recibe máis da metade dos votos válidos e un total igual ou superior ao 25% do total do electorado, a elección resólvese en segunda volta entre todas as opcións con cando menos o 12,5% de sufraxios na primeira. Neste mapa interactivo do xornal Libération pódense consultar os resultados sobre o mapa, por circunscricións.
Macron chama a unha "gran concentración" do voto "claramente democrática e republicana" na segunda volta e o esquerdista Mélenchon resume unha "sinxela instrución": "Nin un voto" para a extrema dereita
Nestes sentido, na propia noite electoral Macron chamou a "unha gran concentración claramente democrática e republicana" para deter o avance de Le Pen. O ton do mandatario foi ben distinto ao que empregou na campaña, cando deu en equiparar a extrema dereita coas esquerdas do NFP. Na mesma liña, o actual primeiro ministro actual, o macronista Gabriel Attal, anunciou que todos aqueles candidatos da formación que quedasen en terceiro lugar se retirarán da segunda volta alí onde o RN teña posibilidades de tirar o escano.
Dende a esquerda, o líder da Francia Insubmisa, Jean-Luc Mélenchon, tamén chama á fronte republicana. "As nosas instrucións son sinxelas: nin un voto para Agrupación Nacional", insistiu o político esquerdista. Tamén desde o Partido Socialista chaman á concentración do voto na segunda volta. Raphaël Glucksmann, que foi cabeza de lista nas europeas pola formación foi igualmente contundente: "Sexamos claros, calquera candidato que sexa terceiro debe retirarse para evitar unha vitoria de RN na segunda volta. Sexa do partido que sexa".