Macron volve gañar a presidencia de Francia fronte a unha extrema dereita á alza

Mitin de Emmanuel Macron antes da segunda volta das eleccións presidenciais francesas deste 24 de abril © Avec Vous

Francia salva outra bóla de partido fronte a unha extrema dereita á alza. Emmanuel Macron vai seguir sendo o presidente da República francesa durante os vindeiros cinco anos tras impoñerse na segunda volta das eleccións presidenciais deste 24 de abril por algo máis de 17 puntos á ultradereitista Marine Le Pen, rozando o 60% dos votos.

Trátase dunha vitoria obviamente folgada e moito máis ampla do que apuntaban algúns prognósticos realizados antes da primeira volta. Pero tamén máis estreita que a de hai cinco anos, cando o daquela debutante Macron superou a aspirante ultra en máis de 30 puntos, deixándoa en apenas o 34%. Agora, nunha xornada electoral tamén marcada pola alta abstención (28%, a maior dende 1969), Le Pen perde, pero con case o 42% dos apoios, un récord.

O cordón republicano fronte á extrema dereita persiste, malia enfraquecer, e o presidente reelixido di ser consciente. No Campo de Marte de París, fronte á torre Eiffel e tras facer soar o himno da Unión Europea, Macron pronunciou o seu discurso da vitoria como primeiro presidente reelixido dende Jacques Chirac (o conservador Nicolas Sarkozy e o socialista François Hollande foran derrotados ao optaren a un segundo mandato en 2012 e 2017, respectivamente), no que evidenciou que tivo un bo número de votos "para facer fronte a Le Pen". "Iso comprométeme os próximos cinco anos", asegura.

O primeiro presidente francés reelixido dende Chirac derrota a Le Pen por 17 puntos, unha marxe ampla pero moito máis estreita que a de hai cinco anos nun país cun novo reto electoral en apenas dous meses

Agora, afirma, tócalle afrontar "a cólera" e facelo en anos que non serán "tranquilos", pero si "históricos", afirmou entre alusións á guerra na Ucraína. O seguinte reto para Macron, mais tamén para a democracia e o sistema político francés, non será dentro de cinco anos, senón en apenas dous meses, cando o os días 12 e 19 de xuño as urnas volvan abrir para as eleccións lexislativas, as que configuran a Asemblea Nacional.

Neses novos comicios moitos focos apuntarán aos partidarios de Macrón e Le Pen, pero non serán menos os que se fixen na esquerda da Francia Insubmisa que lidera Jean-Luc Mélenchon, a quen lle faltaron apenas dous puntos na primeira volta das presidenciais para superar a Le Pen. Tras coñecer os resultados deste domingo, Mélenchon considerou unha "moi boa noticia" que Le Pen perdese, mais tamén observou a Macron coma o presidente "peor elixido da V República", navegando "nun océano de abstencións e votos en branco".

Farrah El Dibany, cantante lírica de orixe exipcia, interpreta a Marsellesa no acto no que Macron celebrou a súa vitoria

Neste sentido, o líder esquerdista pide "non resignarse" porque "a democracia pode darnos medios para cambiar". Algunhas análises e a súa propia formación políticas sitúan a Mélenchon como eventual candidato a primeiro ministro no caso dun bo resultado nas lexislativas.

Pedro Sánchez aplaude a vitoria de Macron, porque con el "gaña a democracia" e "gaña Europa". Feijóo tamén traslada unha mensaxe de celebración escasos días despois de que o PP constituíse o seu primeiro bipartito con Vox

A vitoria de Macron foi lida en clave de alivio en boa parte de Europa e os parabéns internacionais non tardaron en chegar. Nesta liña, o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, expresou as súas felicitacións a través das redes sociais, onde considerou que a cidadanía francesa "elixiu unha Francia comprometida cunha UE libre, forte e xusta". Ao gañar Macron "gaña a democracia" e "gaña Europa", sinalou o mandatario socialista.

O aínda presidente da Xunta, na súa condición de líder do PP, considerou que Francia "decidiu seguir polo camiño da estabilidade, a centralidade a moderación". Segundo Alberto Núñez Feijóo, nun momento "tan transcendental, o pobo francés envíanos unha mensaxe moi importante", a de "seguir construíndo unha Europa máis forte e unida". 

Estas consideracións de Feijóo chegan escasos días despois de que o PP constituíse en Castela e León o seu primeiro bipartito con Vox. O partido de extrema dereita, que enviou dirixentes á noite electoral de Marine Le Pen, celebrou o "extraordinario resultado" da líder ultra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.