A asociación LGTBI+ ALAS A Coruña convoca unha vixilia polo terceiro aniversario do asasinato de Samuel Luiz. Será este mércores, 3 de xullo, ás 20h na Avenida de Bos Aires, ao carón da discoteca Playa Club. Co fin de respectar o proceso xudicial, no que a asociación exerce a acusación popular, non farán lectura de ningún manifesto. O xuízo, con xurado popular, comezará o 16 de outubro na Audiencia da Coruña.
A presidenta de ALAS A Coruña, Ana G. Fernández, incide no "impacto que os discursos de odio teñen na sociedade, normalizando actitudes hostís ou mesmo abertamente violentas, contra as que estaremos sempre vixiantes, para facer da nosa sociedade unha plenamente igualitaria". [Imaxe da homenaxe a Samuel Luiz na véspera do primeiro aniversario do seu asasinato CC-BY-SA Marea Atlántica]