Múltiples concellos estenderon nas súas varandas a bandeira LGBTI+ en diversos formatos e tamén a Xunta se sumou á xornada
O Día do Orgullo LGBTI+ volveu saír ás rúas galegas. Tras varias xornadas previas con actos reivindicativos e divulgativos tanto por parte do movemento asociativo como en diversas entidades públicas, este 28 de xuño a bandeira do arco da vella volveu tinxir o espazo público do noso país.
Así o fixo dende primeiras horas, nas que as accións simbólicas foron protagonistas en moitas institucións. Fronte ás controversias noutros puntos do Estado motivadas, fundamentalmente, polos gobernos do PP en alianza coa extrema dereita, foron moitos os concellos galegos que estenderon nas súas varandas a bandeira do Orgullo en múltiples formatos.
Tamén á Xunta se sumou á data cun manifesto de seu no que destacou a reivindicación, "en representación de todos os galegos e galegas", da "liberdade das persoas independentemente da súa orientación sexual e a súa identidade de xénero". "E, sobre todo, o seu dereito a vivilas en igualdade de trato e sen discriminación", agregou o texto, nunha xornada na que o complexo central do Goberno galego en San Caetano inaugurou unha exposición ao respecto.
A educación para "combater o odio" ou a necesidade de non mercantilizar o Orgullo para mantelo como unha xornada de reivindicación a prol dos dereitos, no centro das mobilizacións
Xa na tarde foi a quenda do groso das manifestacións deste Orgullo 2024. Nas rúas da Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Ferrol ecoou a celebración mais tamén e sobre todo a reivindicación. Así foi lembrado, por exemplo, na marcha coruñesa, na que os colectivos se manifestaron tras unha faixa principal co lema Educación, dereitos e paz. Orgullo que transforma. Porque a educación, subliñaron, é a clave para "combater o odio". Tamén por iso, agregan, o Día do Orgullo LGBTI non pode ficar reducido a un evento turístico ou comercial.
En Lugo o Día do Orgullo comezara con varios armarios espallados pola cidade no marco dunha acción coordinada entre o goberno local e os colectivos Avante e Alas. A iniciativa Lugo sen armarios fixo visible de seu a necesidade da reivindicación ao amencer vandalizado un deles, o instalado na Praza Maior. Xa pola tarde, unha manifestación percorreu o centro da cidade.
En Ourense, a manifestación do Orgullo Crítico non foi indiferente ao feito de que o goberno local optase por non facer visible o seu apoio á reivindicación a través da colocación de bandeiras ou outros símbolos en torno á xornada. "A nossa revolta, o noso orgulho" foi unha das consignas tras a que transcorreu a protesta.
As manifestacións do Orgullo LGBTI continúan este sábado, día 29, coas dúas citas restantes, as de Pontevedra e Vigo. Ambas se desenvolven dende as 20h: a pontevedresa dende o parque das Palmeiras e a viguesa, dende A Dobrada.