Existe un goteo constante de casos cos que se pretende crear unha alarma social arredor dun suposto uso fraudulento da lei trans, publicitados no marco dun crecente discurso do odio, que non son estatisticamente significativos a día de hoxe
Como calquera outra lei, non pode pretenderse que a Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das personas LGTBI sexa infalible porque ningunha o é. Porén, a lei trans si que é a máis escrutada da normativa estatal recente, quizá estea á par coa lei de liberdade sexual. Non hai casualidade nisto, pero si causalidades comúns: un discurso reaccionario fronte á normalidade dos dereitos das persoas recoñecidos xa antes no ordenamento xurídico galego e español, e mais por todos os organismos internacionais en materia de dereitos humanos.
Aínda así, existe un goteo constante de casos cos que se pretende crear unha alarma social arredor dun suposto uso fraudulento da lei trans, sobre todo vinculados cun emprego deliberado relacionado coa exculpación en casos de violencia machista. Todo isto, como veñen denunciando os colectivos lgbtiq+, enmarcado nun discurso do odio crecente. O avogado Miguel Vieito Villar, especializado en Dereito anti-discriminación (por razón de idade, identidade de xénero ou discapacidade) e a historiadora e investigadora do grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela Daniela Ferrández Pérez, ambos con ampla experiencia na defensa dos dereitos humanos desde os seus ámbitos laborais, identifican as eivas do sistema que están sendo opacadas por fraudes que non son estatisticamente significativos a día de hoxe.
“De toda norma pódese predicar a fraude de lei. Poño como exemplo os matrimonios: son unha institución civil asentada desde o Dereito romano e hai fraudes neles, o que vulgarmente se chaman matrimonios de conveniencia existen e ninguén propón prohibir os matrimonios por iso. As leis cobren a inmensa maioría dos supostos, non poden cubrilos todos. Pero o ordenamento xurídico ten mecanismos por se pasa algo inesperado. É dicir, á lei trans, aínda que non regula exactamente a fraude de lei, hai que aplicar o Código Civil, que si a regula. As normas non poden lerse soas, hai que entendelas como parte dun sistema”, debulla o xurista Miguel Vieito.
En concreto, o avogado explica que a lei trans ten un mecanismo específico para a violencia de xénero que di que os cambios de documentación non amparan a persoas que cometan actos delitivos antes do cambio: o que conta é a identidade que se tiña a efectos rexistrais no momento da agresión. Non se considera exculpatorio un cambio de sexo no rexistro que chega xusto tras cometer unha agresión. Vieito aclara que con estas dúas ferramentas, a de declarar a fraude de lei e este mecanismo que contempla a violencia machista, a lei trans non chegou á sociedade incompleta nin feble.
"Estamos nun período de retroceso social a respecto do que é vivir sendo trans no Estado español a día de hoxe", lamenta Daniela Ferrández
O nesgo vén polo tema concreto que regula esta lei, afirman ambos especialistas. Para Daniela Ferrández, a violencia á que está sometido o colectivo trans desde os debates previos á aprobación desta lei –en febreiro de 2023– non cesou e incluso vai a máis. “Determinados discursos políticos non axudan nada, como tampouco o fan os medios de comunicación que seguen difundindo cousas totalmente descontextualizadas. Pero seguimos resistindo os bulos. Estamos nun período de retroceso social a respecto do que é vivir sendo trans no Estado español a día de hoxe, en parte por culpa disto. De pouco serven as leis se no conxunto da sociedade non existe unha conciencia igualitaria arredor do trans”, indica a historiadora.
“O colectivo ten moi normalizada a situación actual, temos unha ferramenta para exercer dereitos que antes non había. A cuestión que se mantén é unha ofensiva de certos discursos dentro da opinión pública que tratan de agochar que non se produciu aquilo que dicían que ía chegar: unha avalancha de fraudes que ían cuestionar mesmo os piares do noso sistema democrático. O que estamos a ollar é que o tratamento informativo da lei non vai cara a achegarse aos colectivos e observar o input que supuxo para moitas persoas que estaban desprotexidas e grazas a isto teñen a posibilidade de vivir as súas vidas como queren; senón que se están a magnificar determinados casos para crear unha falsa sensación que apoie o relato desa avalancha de xente que ía empregar esta lei de maneira fraudulenta”, incide Ferrández.
Este enfoque, amparado por determinados medios de comunicación públicos e privados, ignora o avance que supón esta lei que pretende –tal e como se recolle no seu preámbulo– “garantir os dereitos das persoas lesbianas, gais, bisexuais, trans e intersexuais (LGBTI) erradicando as situacións de discriminación, para asegurar que en España se poida vivir a orientación sexual, a identidade sexual, a expresión de xénero, as características sexuais e a diversidade familiar con plena liberdade”.
"Teño casos de persoas ás que se lles están a vulnerar os seus dereitos pedíndolles aínda informes de saúde mental no Rexistro Civil. Aí a lei trans está fallando, pero como a prexudicada é unha persoa trans parece que importa menos", di Miguel Vieito
Pola súa banda, Miguel Vieito apunta que existe un movemento “que organizadamente, e con fondos económicos, se dedica constantemente a buscar os fallos desta lei. E de toda esta actividade investigadora só resultou un caso”. “Se gastando tantos recursos e buscando debaixo das pedras só atopaches un, o que estás esquecendo é que existen centos de milleiros de casos nos que a lei está a cumprir a súa función e funcionando á perfección”, defende.
Como toda lei, está a fallar nalgúns casos na súa aplicación, máis na inmensa maioría dos casos nos que falla é precisamente na defensa dos dereitos das persoas lgbtiq+. Vieito conta que hai moitos máis exemplos de oposición xudicial dos que pode haber de fraude. “Veño de recibir un auto no que se denega un cambio de nome a un menor despois de facelo agardar nove meses, por un asesoramento do Rexistro Civil á familia que foi incorrecto; e teño casos de persoas ás que se lles están a vulnerar os seus dereitos pedíndolles aínda informes de saúde mental no Rexistro Civil. Aí a lei trans está fallando, pero como a prexudicada é unha persoa trans parece que importa menos”, afirma o avogado.
De feito, Vieito conta que os atrancos na aplicación da lei trans non son illados, recentemente levou o caso de dúas familias galegas que presentaron a solicitude dun cambio de sexo rexistral practicamente o mesmo día: unha delas puido completar o cambio e a outra segue agardando. Polo que o funcionamento dos xulgados, e mesmo que profesionais che poidan tocar no proceso, tamén está a influír no resultado.
"Non se pode determinar que esta lei complete todas as nosas reclamacións cando unha gran parte do colectivo só a apoiamos porque simplemente non queriamos ser catalogadas de enfermas mentais", defende Ferrández
“Teño casos nos que os cambios de documentación, no caso de menores de idade que teñen que ser tramitados con preferencia e sumariedade, levan máis de ano e pico de atraso. Imaxina o que supón ese tempo para un menor. Ou menores que, aínda que a lei o prohibe, son enviados ao Instituto de Medicina Legal para seren valorados por un forense sen formación en identidade de xénero. Iso é violencia sistémica e disto non se fala”, traslada Vieito, quen incide en que tampouco quere poñer só o foco nos rexistros porque a violencia contra as persoas trans, e en concreto contra os menores trans, é –segundo diversos estudos– “constante, sistemática e habitual”.
Ademais, Daniela Ferrández salienta que a lei trans non supuxo a fin do percorrido para a reclamación dos dereitos das persoas trans porque a discriminación social, así como a laboral, non diminuíron. “De feito, desde o meu punto de vista aumentaron –di– porque as leis marcan un camiño pero a sociedade está marcando outro. Medraron os discursos de odio contra o trans e persoas que estaban posicionadas a favor agora manteñen uns discursos que rozan a discriminación. Non se pode determinar que esta lei complete todas as nosas reclamacións cando unha gran parte do colectivo só a apoiamos porque simplemente non queriamos ser catalogadas de enfermas mentais, pois xa antes podiamos mudar a nosa documentación de diversas maneiras. A lei era un paso cara a un proceso que non se completou”.
Neste sentido, Miguel Vieito sinala que “o foco é premeditado e é sistémico, e é o mesmo que se puxo coa lei do só si é si”. “Non quero extrapolar –advirte–, pero coa lei do só si é si houbo un seguimento inaudito no Estado. E coa lei trans sae en prensa o caso dunha fraude, pero non saen os casos de menores que están mudando o seu nome, viven en plenitude e por primeira vez con certo aire de liberdade, sen ter que sufrir acoso”, critica.
"É evidente que un home non precisa mudar o seu documento de identidade para exercer violencia sobre as mulleres. Ese discurso nega que a violencia contra as mulleres é unha cuestión estrutural e, en moitos casos, está a negar o dereito de moitas mulleres a defenderse", sinala Ferrández
“Trátase dunha dinámica discursiva que leva moitas décadas entre nós, que pensa o trans como algo patolóxico, como unha enfermidade mental. Eses discursos, no pasado, levaron a identificar o trans como algo sospeitoso de criminalidade e, en base a iso, as persoas trans xa non son consideradas persoas senón sospeitosas de cometer calquera tipo de delito contra as mulleres, contra as nenas, contra calquera...”, lembra a historiadora Daniela Ferrández, quen engade que “é evidente que un home non precisa mudar o seu documento de identidade para exercer violencia sobre as mulleres. Ese discurso nega que a violencia contra as mulleres é unha cuestión estrutural e, en moitos casos, está a negar o dereito de moitas mulleres a defenderse”.
Hai un nesgo paradoxal en todo isto, e é que son os medios de comunicación e os “xeradores” de discurso aos que menos preocupa abordar con rigor as violencias machistas os que máis están a facer de altofalante para colocar “baixo sospeita” o funcionamento da lei trans e case a existencia de todo o colectivo lgbtiq+ no seu conxunto. Esa “presunción de culpabilidade” do colectivo trans, explican, “vén dos discursos médico-psicolóxicos do século XIX”.
Miguel Vieito destaca que a lei trans “non é a revolución, é unha consecuencia necesaria dun traxecto xurídico que viña desde o ano 1987”, e pon varios exemplos: no Dereito español as persoas que ingresan en módulos penitenciarios fano acorde á súa identidade sentida desde hai dez anos e as mulleres trans son consideradas vítimas de violencia de xénero, como non podía ser doutra forma, desde hai máis de dez anos, e ninguén se pronunciara sobre isto ata o de agora.
"A OMS despatoloxizou as persoas trans antes de que se aprobara a lei española e non pasou nada. É dicir, isto non era un problema ata que apareceron Irene Montero e o Ministerio de Igualdade na ecuación", salienta Vieito
“O Tribunal de Xustiza da Unión Europea dixo no ano 2018: non podes obrigar a unha persoa trans a hormonarse antes de permitir un cambio de sexo. A Organización Mundial da Saúde (OMS) despatoloxizou as persoas trans antes de que se aprobara a lei española e non pasou nada. É dicir, isto non era un problema ata que apareceron Irene Montero e o Ministerio de Igualdade na ecuación. Ciudadanos rexistrou unha petición para modificar a lei trans e a Comunidad de Madrid tiña unha das leis máis avanzadas co PP de Cifuentes, que agora Ayuso –polo momento político– derrogou en parte”, agrega o xurista.
Neste marco, cómpre lembrar a reivindicación histórica dos colectivos para que a formación sexa transversal en todos os estamentos públicos. Sobre como se debe realizar esta formación xa se pronunciou o Foro Identidades e Disidencias Sexuais, organizado desde o Consello da Cultura e coordinado por Carme Adán, no que participou Ferrández. “Todas temos prexuízos e todas temos que deconstruírnos en certos momentos, pero penso que a educación pasa por abandonar certos discursos de odio. Trátase simplemente, en moitos casos, de recoñecer que non coñecemos a realidade da que estamos a falar e de informarse un bocadiño”, indica a investigadora.
O adianto electoral no Estado do pasado 23 de xullo freou a posta en marcha de medidas que desenvolven o contido da lei trans en canto ao fomento do emprego e en materia educativa e cultural. Vieito, que formou parte do equipo consultivo que participou nalgunha das partes deste proceso enmarcado na Estratexia estatal trans, confirma que o traballo estaba feito, que só falta que o actual Goberno o recupere.