O popular lembra que o seu partido foi "o segundo máis votado" na cidade
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, deixou este luns en mans dos concelleiros do PP de Ourense a posibilidade de que haxa unha moción de censura que aparte da alcaldía o actual rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensana. Porén, o líder popular afea ao BNG as súas "liñas vermellas" para impedir que a alcaldía pase ao PP.
Preguntado tras o Consello da Xunta pola situación política da terceira cidade de Galicia e a oferta do PSdeG a PP e BNG dunha moción de censura, Rueda asegurou que "a decisión é dos concelleiros que forman o grupo municipal en Ourense". Unha resposta coa que Rueda se distancia das decisións municipais malia que ata agora foi a dirección galega do partido quen tutelou a política municipal e mesmo asinou acordos con Jácome.
Rueda tamén lanzou críticas ao resto de formacións asegurando que "as cousas cando se queren facer ben, fanse doutra maneira, trátase de cambiar o alcalde para que as cousas melloren". Nesa liña, o popular afeou que o BNG impoña o que denomina "liñas vermellas".
Os nacionalistas amosaron publicamente a súa disposición a apoiar unha moción de censura se é o PSdeG e non o PP quen a encabeza, ante o que Rueda lembra que os populares son "o segundo partido máis votado" en Ourense tras Democracia Ourensana. Por iso, di, ao seu ver os nacionalistas teñen "moitas ganas de falar pero moi poucas ganas de solucionar problemas".