Sanidade aproba que persoal médico en formación pase consulta no verán e di que o Ministerio "non achega" solucións

Foto de despedida dos residentes que rematan a súa formación na área sanitaria de Ferrol ​e benvida aos que comezan, o pasado 30 de maio no Hospital Arquitecto Marcide CC-BY-SA Sergas

“Imos poñer todo o sistema a funcionar”. Achégase o verán e o conselleiro de Sanidade ultima os parches cos que espera sortear o déficit de profesionais da sanidade pública galega, que empeora nesta época na que uns marchan de vacacións e outros chegan como turistas. Antonio Gómez Caamaño asegura que “a continuidade asistencial está garantida no verán” mentres aproba unha orde pola que os residentes de Medicina de Familia e de Pediatría no seu cuarto ano de formación poderán actuar como médicos coa especialidade xa rematada e facer substitucións. Unha circunstancia excepcional que será voluntaria, retribuída e só durante os meses de estío.

O Consello de Dirección do Sergas, presidido polo conselleiro de Sanidade, acordou “coa finalidade de garantir a atención sanitaria á cidadanía” que as xerencias das áreas sanitarias poidan “encomendar” aos médicos e médicas de Familia e Pediatría que estean “nos últimos catro meses do período formativo” o desempeño das funcións que levan a cabo os seus adxuntos, é dicir, que poderán pasar consulta con supervisión.

Antonio Gómez Caamaño asegura que "a continuidade asistencial está garantida no verán" CC-BY-SA Consellería de Sanidade

Un total de 127 médicos de Familia e 26 pediatras aínda en formación poderán cubrir substitucións no Sergas durante o verán, segundo avanzou o propio conselleiro, que este mércores participou no pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, onde solicitou anticipar a finalización do período de formación dos residentes de último ano. Esta promoción de sanitarios aínda está afectada polos atrasos da pandemia da COVID-19 e, en lugar de finalizar a formación en maio, farao en setembro. Esta petición non sairá adiante, en palabras de Gómez Caamaño, “porque o Ministerio se nega en rotundo ao considerar que é saltarse a lei”.

Antonio Gómez Caamaño criticou que "o Ministerio non aportou ningunha solución ao problema que temos de profesionais sanitarios durante o verán" e que se "enrocou en plans que non van cara á ningures"

Antonio Gómez Caamaño criticou que “o Ministerio non aportou ningunha solución ao problema que temos de profesionais sanitarios durante o verán” e que se “enrocou en plans que non van cara á ningures”. A Consellería xa tiña preparada a súa alternativa, que avalará o Ministerio nun documento aínda por presentar, pero que en todo caso xa ten validez. Esta proposta que xa foi enviada a todas as áreas sanitarias fora unha idea do anterior titular de Sanidade, Julio García Comesaña, ao que Rueda cesou tras gañar as súas primeiras eleccións.

“Cada administración ten a súa responsabilidade, a nosa é a planificación, xestión e retribución de todos os niveis asistencias do sistema sanitario público galego e o Ministerio é a fábrica de profesionais sanitarios. O problema que temos agora é de número de profesionais, máis no verán e máis cando se dá a coincidencia de que os mires van rematar en setembro e non en xuño”, incidiu Gómez Caamaño.

O conselleiro de Sanidade durante o pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde CC-BY-SA Consellería de Sanidade

Estes médicos que están a rematar a súa formación poderán consultar nos centros de saúde, nos PAC e nas urxencias hospitalarias durante o estío

De maneira voluntaria, estes médicos especialistas que están a rematar a súa formación axudarán coa “sobrecarga estacional” atendendo consultas de Atención Primaria e Pediatría nos centros de saúde, “realizando prolongacións de xornada por riba do seu horario ordinario” e “facendo gardas nos PAC ou servizos de urxencia hospitalaria”. Como contrapartida recibirán un incentivo económico que igualará o seu salario de médico en formación ao do especialista ao que se equipara en funcións.

Os residentes tamén terán outros incentivos para aceptar a “encomenda” que lles chegará desde as xerencias das sete áreas sanitarias. Quen pase consulta no verán, ata o remate do seu período de formación, poderá recibir unha oferta de “vinculación estable” nesa área unha vez obteña a especialidade. Isto supón que cada xerencia poderá escoller se fai efectivo este compromiso, durante canto tempo e con que residentes. A maiores, este incentivo pode reavivar a competencia entre áreas sanitarias para captar profesionais.

Sanidade estuda reeditar o convenio con Sanxenxo para facilitar vivendas aos médicos substitutos e apunta a que facultativos cunha segunda residencia na costa poidan pasar consulta alí no verán

Por outra banda, desde a Consellería de Sanidade aseguran que “a Xunta está a analizar a posibilidade de que médicos que teñan unha segunda residencia en zona de costa, con maior demanda asistencial no verán, poidan elixir traballar alí temporalmente”. Nos dous últimos anos o Sergas e mais o Concello de Sanxenxo promoveron un plan para facilitar as vivendas aos sanitarios que exercesen alí durante o verán.

Para este 2024 aínda non está confirmada a continuidade, pero o Sergas non o desbota porque considera que foi unha experiencia “moi positiva”: “A área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés está a avaliar as necesidades en materia de recursos humanos e materiais que se precisan para o mantemento axeitado dos niveis asistenciais, de acordo ao notable incremento da poboación nos servizos de atención primaria, dentro do ámbito territorial de Sanxenxo, e entre os meses de xullo e setembro do ano 2024”.

Entre as peticións que Sanidade levou á xuntanza co Ministerio e as comunidades “para dar solucións a curto prazo” figuran medidas como que se axilice a homologación de títulos universitarios; que se modifique o sistema de elección de prazas MIR para evitar que queden prazas vacantes en Medicina de Familia; que se aprobe o real decreto para crear a especialidade de médico de urxencias; que se elimine a taxa de reposición en especialidades con déficit de profesionais; ou que se modifique o estatuto marco para elevar ata os 72 anos a idade máxima para o exercicio da profesión médica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.