"Non houbo médico a mañá do luns e tampouco os vai haber o mércores e o venres"
A falta de persoal médico está por tras de gran parte das eivas da sanidade pública. En boa medida, como parte da vaga expansiva dos recortes de orzamentos públicos aplicados durante a crise financeira que estoupou en 2008. Os mesmos que os sucesivos récords dos últimos anos para formar novo persoal médico público (o MIR) aínda non dan paliado.
Estas carencias concéntranse especialmente na Atención Primaria. E máis aínda nos concellos considerados como "de difícil cobertura". Isto é, aqueles municipios nos que é máis difícil ter e reter persoal, para os que o Sergas vén deseñando diversos incentivos nos últimos anos. Un deles é Folgoso do Courel, onde este 27 de maio se rexistraron unhas 150 reclamacións doutras tantas persoas para evidenciaren esta carencia.
Coa intención de lograren un simbólico "colapso", veciñanza do Courel acudiu este luns aos centros de saúde de Seoane e de Folgoso. Fixérono ao saberen que alí "non houbo facultativos durante a mañá do luns" e "está previsto que tampouco os haxa o mércores 29 e o venres 31", explican. Alí concentráronse e formalizaron as súas queixas para facer ver que "o rural tamén ten dereito a atención sanitaria".
"As protestas vanse repetir o vindeiro mércores e ata que se solucione a situación", explican nun contexto no que a falta de médico no Courel non é nova. En máis dunha ocasión, veciñanza da comarca alertou de que os dous centros de saúde do concello quedaron cun único médico. Ou cun médico e unha enfermeira traballando a quendas.
Lugo e Ourense, as máis prexudicadas polos 'baleiros' do MIR
Estas protestas de veciñanza do Courel prodúcense pouco despois de que o pasado abril as áreas sanitarias de Lugo e de Ourense volvesen ser as máis prexudicadas de Galicia polas prazas de formación MIR de Medicina Familiar e Comunitaria que quedan baleiras. É dicir, que non son elixidas polos profesionais que inician esta etapa formativa, a previa a exerceren na sanidade pública.
Despois das dúas quendas para a elección de destinos, un total de 42 das 207 prazas que ofertaba Galicia quedaron sen cubrir. Tanto na área lucense como na ourensá foron máis as prazas non cubertas que as adxudicadas: Lugo ofrecía 30 e só deu cuberto 14; Ourense tiña dispoñibles 21 e só cubriu 9.
A Xunta asume que este verán volverá faltar persoal médico nos centros de saúde, pero culpa o Estado
Con este pano de fondo, a pasada semana o novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asumía xa que un verán máis volverá faltar persoal médico de familia, dado que as ausencias por vacacións e os incrementos de demanda en zonas turísticas non van poder ser cubertos como debería. Non obstante, o Goberno galego admitía a situación para reclamar que o Estado o solucione.
Así, a través dunha carta, Gómez Caamaño esixiu á ministra de Sanidade, Mónica García, a convocatoria urxente do Consello Interterritorial de Saúde -o órgano de interlocución de Estado e autonomías en materia sanitaria- con "solucións para cubrir a falta de profesionais sanitarios este verán". En realidade, a petición non partiu da Xunta, senón da dirección central do PP, para reprochar á ministra que participase "como activista" nunha manifestación en Madrid contra a política sanitaria de Isabel Díaz Ayuso.