No ano 2019, en plena resaca das eleccións xerais, municipais e europeas -e tamén autonómicas nunha decena de territorios- nas que o PSOE de Pedro Sánchez se impuxera con claridade ao PP de Pablo Casado, mesmo obtendo inéditas primeiras posicións en votos en Galicia, Alberto Núñez Feijóo sumárase como presidente da Xunta ás esixencias de recentralizar as probas de acceso á universidade e implantar unha "selectividade única", un sistema "idéntico" para a ABAU en todo o Estado.
O ex-presidente asegura que "as comunidades autónomas do PP" acordaron implantar unha "EBAU homoxenea" que, defende, sería "xusta" en contraste cos actuais exames
Xa como líder estatal do PP, o ex-presidente reiterou esta reclamación. Así o fixo, por exemplo, a principios deste 2024. Daquela, en pleno período electoral en Galicia, Alfonso Rueda optara por navegar entre non desmarcarse o seu antecesor e xefe de filas e matizar que "común" non significa o mesmo que "idéntico" por razóns como a existencia do idioma galego. Agora, ás portas das europeas do 9X, Feijóo volve abrir a porta a condicionar a selectividade en Galicia ao que dite a cúpula estatal do PP.
Así o fixo o pasado domingo Zaragoza, ao día seguinte de concentrar a súa actividade electoral no mitin-romaría do Pino con Rueda e Ursula Von der Leyen. Ás portas do inicio das probas de selectividade en varias autonomías -entre elas, Galicia, onde se celebran dende este martes-, Feijóo deu en asegurar que "as comunidades autónomas do PP", isto é, os territorios onde os populares gobernan en solitario ou co apoio de Vox, "acadamos un acordo para facer unha EBAU común".
Sempre segundo o asegurado polo ex-presidente nese mitin, no seo do PP deron en deseñar o que define como unha "EBAU xusta", en contraste coa actual, que considera inxusta. "Unha EBAU homoxenea" que atinxiría á "inmensa maioría dos mozos" e que se celebraría "o mesmo día en toda España". Celebrala, agrega, suporía "volver recuperar a igualdade e a excelencia educativa".
En realidade, tamén cando gobernaba o PP en España as probas de selectividade se celebraban atendendo ás competencias educativas transferidas ás comunidades autónomas. No caso galego, a organización destes exames depende da Comisión Interuniversitaria de Galicia, a CIUG, un órgano conformado polas tres universidades galegas en colaboración coa propia Xunta.
En Galicia a organización da ABAU depende da Comisión Interuniversitaria, na que colaboran as tres universidades e a Xunta. O acceso aos estudos universitarios non depende só dos exames da selectividade, senón tamén do Bacharelato
Alén da promesa electoral do ex-presidente, mesmo na hipótese de que as autonomías que actualmente teñen gobernos do PP decidan celebrar a selectividade o mesmo día e pactaren os contidos dos exames, o proceso de acceso á universidade presentado como idéntico non será tal. Non só polos contidos e materias ligadas ás linguas oficiais diferentes do castelán, senón tamén porque a cualificación final non depende unicamente do exame da selectividade, senón que está ligado nun 60% ás notas do Bacharelato, que cada autonomía organiza en función das súas competencias dentro do marco da lexislación estatal xeral.
Nesa alocución, Feijóo non aludiu a plan ningún para recentralizar tamén o Bacharelato. Tampouco mencionou outros nesgos que poden atinxir ao acceso á universidade, tales como as diferenzas de renda ou as existentes entre centros educativos públicos ou privados, entre outras.