No caso de que o martes 11 de febreiro Inés Rey non acade máis votos favorables que negativos, abriríase un prazo dun mes para que dende a oposición se formulase unha moción de censura "con candidato alternativo". De non facelo a rexedora continuaría no cargo e os orzamentos quedarían automaticamente aprobados
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, someterase a unha cuestión de confianza o vindeiro martes 11 de febreiro despois de que este xoves o proxecto de Orzamentos municipais presentado polo Goberno local non acadase a maioría dos votos no pleno. Os 12 concelleiros do PP e os 4 do BNG votaron en contra da proposta apoiada polos 11 edís do PSdeG-PSOE.
O Goberno municipal coruñés busca deste xeito a aprobación da súa proposta de orzamentos, xa que a cuestión de confianza estará vencellada ao proxecto de contas municipal. No caso de que a rexedora (e os orzamentos) non acaden unha maioría de votos positivos (máis favorables que negativos) na cuestión de confianza, abriríase un prazo dun mes para que dende a oposición se formulase unha moción de censura "con candidato alternativo á Alcaldía". No caso de non facelo, Inés Rey continuaría como alcaldesa e os orzamentos quedarían automaticamente aprobados.
O PP reclama ao BNG que non dea un "cheque en branco" ao Goberno local. O Bloque, pola súa parte, pide ao Executivo que deixe de gobernar "como se tivesen maioría absoluta”
O obxectivo do Goberno municipal é aprobar así os orzamentos no mes de marzo para que entren en vigor na primeira semana do mes de abril. O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, destacou que as contas previstas para este exercicio, de 379 millóns de euros, "son as máis elevadas de todas cantas tivo antes este Concello" e están "deseñadas para ampliar o escudo social e para apostar polos barrios mediante un plan con investimentos plurianuais como non se tiña posto en marcha antes”.
O voceiro municipal do PP, Miguel Lorenzo, afirmou ao explicar o voto negativo do seu grupo que "o proxecto non nos merece credibilidade". Ademais, o voceiro popular reclamou ao BNG -cuxos votos son imprescindibles para que triunfe unha hipotética moción de censura- que non dea un "cheque en branco" ao Goberno local. Lorenzo sinalou que, no caso de que os orzamentos sexan aprobados, a Corporación perdería competencias en favor do Executivo.
O BNG, que xa anunciara previamente o voto negativo aos orzamentos, confirmou o seu rexeitamento destacando que "as contas non son críbeis, exclúen a participación cidadá na súa elaboración e recortan as competencias de control do Pleno"
O BNG, que xa anunciara previamente o voto negativo aos orzamentos, confirmou o seu rexeitamento destacando que "as contas non son críbeis, exclúen a participación cidadá na súa elaboración -ao non se prever a realización dos presupostos participativos- e recortan as competencias de control do Pleno". O portavoz municipal nacionalista, Francisco Jorquera, criticou tamén o feito de recorrer a unha moción de confianza para buscar a aprobación dcas contas: “non se pode gobernar catro anos en minoría e a golpe de cuestión de confianza. Está na súa man rectificar se, de verdade, queren asegurar a gobernabilidade do Concello”.
“Ao vinculalos unha cuestión de confianza, vostedes aproveitan para mudar as bases de execución restando competencias ao Pleno no que ten a ver coa aprobación de transferencias de crédito entre diferentes áreas de gasto ou capítulos orzamentarios”, denunciou Jorquera, que concluíu que “teñen que deixar de gobernar como se tivesen maioría absoluta”. O Bloque preferiría, no caso de non chegar a un acordo, prorrogar as contas aprobadas o pasado ano e prorrogadas de forma provisoria: “os orzamentos de 2024 eran un bos orzamentos. O problema é que non se cumpriron”.
En 2017 Xulio Ferreiro perdeu a moción de confianza á que se someteu, pero a falta de acordo de PP e PSdeG para presentar unha moción de censura permitiu a aprobación dos orzamentos
Non é a primeira vez nos últimos anos que o Goberno municipal coruñés se somete a unha moción de confianza. En 2017 o daquela alcalde Xulio Ferreiro someteuse a unha cuestión de confianza ante a negativa do PSdeG de apoiar o proxecto de orzamentos presentado pola Marea Atlántica. Ferreiro perdeu aquela moción de confianza, na que PSdeG e PP votaron en contra e Marea Atlántica e BNG a favor, pero ante a falta de acordo entre os dous partidos para a presentación dunha moción de censura, Ferreiro continuou no cargo e os orzamentos quedaron automaticamente aprobados.
O mesmo pasou o pasado ano en Pontevedra, onde Miguel Anxo Fernández Lores tamén perdeu unha moción de confianza pero puido aprobar as contas
Tamén en Pontevedra o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores perdeu en xaneiro do pasado ano a moción de confianza que presentou ante a imposibilidade de aprobar os orzamentos municipais. Neste caso o PP votou en contra e o PSdeG abstívose. Pero, de novo, a falta de acordo para a presentación dunha moción de censura levou á aprobación das contas presentadas polo Executivo local do BNG.
![](https://praza.gal/storage/uploads/gijjo6lxqaasu67-76a808c.jpeg)