A longa carreira cara ás eleccións galegas xa comezou no estranxeiro

Alfonso Rueda, nun acto da Irmandade Galega de Venezuela en Caracas e Ana Pontón, no Centro Recreativo Cultural Ourense de Basilea (Suíza) CC-BY-SA Xunta | Alejandra Plaza / BNG

O case medio millón de persoas inscritas no censo de residentes ausentes (CERA) nalgunha das provincias galegas, non poden participar nas eleccións municipais do 28M. O mal chamado voto emigrante -neste censo non figuran só persoas emigradas senón, sobre todo, descendentes da emigración e persoas que accederon á nacionalidade española por outras vías- está fóra dos comicios locais dende a reforma electoral de 2011, co obxectivo de evitar distorsións como as que, sobre todo en concellos de pequeno tamaño, tendían a que as corporacións locais dependesen máis da vontade do exterior que da propia veciñanza.

A emigración e a súa descendencia non teñen dereito ao voto nas municipais do 28M. Pero estes comicios abren un intenso ciclo electoral que culmina nunhas eleccións galegas nas que, coa nova reforma electoral, o sufraxio do exterior pode volver ser decisivo

Esa exclusión dos comicios locais mantívose na nova reforma do voto exterior aprobada definitivamente o pasado 2022, que eliminou o voto rogado -a solicitude previa para participar nas eleccións- para o CERA. No caso galego, a estrea do novo sistema -co envío dos sobres de votación sen pedilo, descarga das papeletas por internet e envío dos votos por valixa diplomática- será nas eleccións xerais previstas para o vindeiro decembro. Pero tamén -e, dalgún xeito, sobre todo- nas eleccións galegas que, agás cambio de opinión do presidente da Xunta a prol dun adianto, se celebrarán na primeira metade de 2024. Pero as municipais son, en calquera caso, o pórtico deste intenso ciclo 

Alfonso Rueda conversa con asistentes a un dos actos da Irmandade Galega de Venezuela, este 14 de abril en Caracas CC-BY-SA Xunta

Se os niveis de participación electoral do CERA regresasen aos previos á introdución do voto rogado, cabe agardar uns cen mil sufraxios nas circunscricións galegas procedentes do extranxeiro. Votos que poderían acabar sendo clave nun escenario electoral axustado tal e como sucedeu, por exemplo, nas eleccións galegas de 2005, nas que houbo que agardar ao reconto do voto exterior para ratificar que, como votara o electorado o interior, PSdeG e BNG sumaban maioría absoluta e, polo tanto, rematara o fraguismo.

Alfonso Rueda visita Panamá, Venezuela e México en calidade de presidente da Xunta e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acode estes días a Basilea e Zürich, en Suíza

Este pano de fondo é inevitablemente inseparable das visitas a algúns dos países que historicamente recibiron máis emigración galega -e que actualmente acollen máis descendentes de emigrantes de Galicia- que nestes días realizan o presidente Alfonso Rueda e mais a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Rueda está dende o pasado xoves de xira por Panamá, Venezuela e México en calidade de titular da Xunta e Pontón visita tres cidades de Suíza, o país europeo con máis emigración galega e descendentes.

O Goberno galego afirmou que a viaxe do tamén líder do PP en Galicia ten como intención "reforzar alianzas económicas e institucionais", mais tamén "visitar as instalacións de asociacións de galegos para coñecer as súas inquedanzas e os servizos que ofrecen á colectividade". Así, por exemplo, en Panamá reuniuse co presidente Laurentino Cortizo -de pai ourensán- e homenaxeou os galegos que participaron na construción do canal. 

Ana Pontón, visitando coa eurodeputada Ana Miranda o Centro Cultural Ourense de Basilea (Suíza), este 15 de abril de 2023 CC-BY-NC-SA Alejandra Plaza / BNG

En Venezuela, Rueda protagonizou varios actos organizados pola Irmandade Galega dese país, dende a visita ao Colexio Castelao de Caracas ata un "coloquio informativo" ou un evento musical con actuacións de, entre outros, a gaiteira Susana Seivane. Alí, di a Xunta, destacou medidas do Goberno galego como axudas económicas para a emigración retornada.

Rueda expón en Venezuela medidas como axudas económicas para a emigración retornada e Pontón propón abrir unha "oficina permanente" da Xunta en Suíza para asistir a comunidade galega e descendentes e mais facilitar tamén o retorno

Case ao mesmo tempo que isto sucedía en Venezuela, no Centro Recreativo Cultural Ourense da cidade suíza de Basilea, Ana Pontón explicaba a iniciativa do BNG para abrir unha "oficina permanente" da Xunta en Suíza para "atender, asesorar e informar a emigración" en eidos como o laboral, a fiscalidade ou a vivenda, así como o retorno. A líder do BNG tamén abordou a fiscalidade das pensións de xubilación da emigración galega nese país ou a asistencia sanitaria que reciben ao volver. 

Pontón lanzou estas mensaxes no inicio dunha axenda que inclúe, este mesmo sábado, un encontro "coa colectividade no centro galego A Sementeira. Este domingo, en Zürich, acode ao Centro Cultural Lalín e mais ao Centro Compostela Suíza. Ademais, acompañada da eurodeputada Ana Miranda, ofrece unha  "charla-coloquio" tamén dirixida á diáspora e á súa descendencia..

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.