En marzo de 2021, aínda con Pablo Casado como líder, o PP recorreu ante o Tribunal Constitucional unha vintena de preceptos da nova lei de educación. A formación conservadora mantivo o recurso sen cambios cando accedeu ao liderado Alberto Núñez Feijóo, que como presidente da Xunta tamén criticara abertamente a norma por, entre outros aspectos, prohibir o financiamento público para os colexios que segregan por sexo.
O PP argumentaba no seu recurso contra a lei educativa, rexeitado polo TC, que denominar "propias" ás linguas oficiais diferentes do castelán implica que esta quede como "allea, estraña, obrigada ou imposta"
Entre as súas críticas á norma, Feijóo tamén incluíra unha suposta limitación ao ensino en castelán que non se correspondía coa realidade. A respecto da cuestión lingüística, os populares tamén reclamaran no seu recurso emendar os treitos nos que a lei se refire aos idiomas oficiais diferentes do castelán como linguas "propias" de cadanseus territorios, o galego no caso de Galicia, en liña do termo empregado no Estatuto de Autonomía. A publicación íntegra da sentenza no Boletín Oficial do Estado vén de amosar as razóns polas que o TC rexeitou esa pretensión, igual que o resto do recurso.
Os populares argumentaran ante o TC que o texto da lei é contrario á Constitución porque "designar como propia a lingua cooficial da comunidade autónoma en contraposición á materia na que se estuda o castelán" supón "considerala non propia". "Non se pon en cuestión a condición de linguas propias daquelas consideradas como tales polos distintos estatutos de autonomía", agregaban, senón "que non se chame tamén ao castelán lingua propia" porque, "deducen", iso implica que sexa "non propia, allea, estraña, obrigada ou imposta".
"A demanda só pretende que se denomine 'lingua propia' ao castelán" nunha lei que se "refire indistintamente como 'propia' ou 'cooficial'" ás linguas galega, catalá e vasca en cadanseus territorios, ante o que non cabe "facer ningunha tacha" en termos constitucionais, di a sentenza
Alén de advertir de que "non en todos os preceptos" da lei se emprega o adxectivo "propia" para referirse ás linguas oficiais diferentes do castelán, xa que tamén existe a referencia a galego, castelán e éuscaro como "cooficiais", a sentenza do TC considera que esta é unha disputa só "terminolóxica" que "carece de efecto ningún sobre o réxime lingüístico da educación". "A lei emprega cooficial e propia de forma indistinta, no sentido de peculiar, característica ou exclusiva dunha comunidade autónoma, a diferenza do castelán, que é a lingua compartida por todas", indica apoiándose na xurisprudencia da sentenza do propio TC sobre o Estatut de Catalunya en 2010.
"Por outra banda -abonda o ditame- a demanda só pretende que se denomine lingua propia ao castelán" e "reprocha ao lexislador" que, ao non o facer, busca "marxinar" este idioma. Pero, alén de que ao TC non lle corresponde axuizar "intencións" ou "estratexia política" das leis, "a preferencia" do PP por "que tamén se chame lingua propia ao castelán non é unha argumento para soster" que a lei sexa inconstitucional. Porque "o xuízo de constitucionalidade non é un xuízo de técnica lexislativa", isto é, non consiste en avaliar se a lei está ben ou mal construída ou redactada.
"En suma -resolve- ningunha tacha cabe facer" á lei de educación "por referirse indistintamente como propia ou cooficial á lingua que, xunto co castelán, é cooficial na comunidade autónoma de que se trate. Como xa avanzara o propio Tribunal, a sentenza tamén rexeita que sexa inconstitucional prohibir as subvencións públicas aos colexios que segregan o alumnado en función do seu sexo.