O PP asume como propia unha iniciativa presentada por Ciudadanos no Parlamento contra a suposta discriminación do castelán na nova lei de educación
O PP asume como propia unha iniciativa de Ciudadanos contra unha suposta discriminación do castelán na nova lei de educación. O Partido Popular esixe ao Parlamento galego que reclame ao Goberno central o mantemento da referencia ao español como "lingua vehicular" en todo o Estado na nova lexislación educativa, asumindo así unha proposta presentada polo partido laranxa --sen representación na Cámara-- e que só podía ser tramitada de ser asumida por algún deputado.
O pasado 17 de novembro, a coordinadora de Ciudadanos Galicia, Beatriz Pino, presentaba unha iniciativa á mesa do Parlamento para ser formulada á Xunta sobre "a defensa do castelán como lingua vehicular do ensino" no proxecto polo que se modificaba a lei de educación, publicada xa desde este semana no BOE.
Ao carecer de representación na Cámara ou das sinaturas necesarias para que fose tramitada como iniciativa lexislativa popular ou proposición non de lei, a pregunta de Ciudadanos debía ser asumida por algún deputado. Así o fixo a parlamentaria do PP Sandra Vázquez Domínguez, que presentou na Comisión de Educación a cuestión, que foi aceptada pola Mesa a pasada semana e que este xoves pasou de oral a escrita pola finalización do período de sesións.
Unha deputada do PP asume a pregunta de Ciudadanos para que poida ser así tramitada na Cámara
Na pregunta, Ciudadanos cuestiona á Xunta se "vai esixir ao Goberno de España e aos partidos que o integran, PSOE e Unidas Podemos, que manteñan a referencia ao castelán, lingua oficial e común de todos os españois, como lingua vehicular no ensino en todo o Estado" na nova lei de educación. E fai referencia a que así o "establecen a Constitución, as sentenzas xudiciais e os tratados internacionais", polo que reclamaba que "retiren a emenda transacional asinada por ambas formacións coas forzas separatistas ao proxecto de lei de reforma educativa da LOMLOE".
Na súa exposición de motivos, Pino --e agora o PP-- alude ás numerosas "cesións que o bipartidismo fixo en materia lingüística aos separatistas", sinalando especialmente a "inmersión lingüística" en Catalunya, e advirte dunha reforma que "atenta gravemente contra principios constitucionais como a liberdade e a igualdade". Tamén á teimosía dos "nacionalistas" en "utilizar sempre as linguas" e en "atacar o castelán".
Ciudadanos "esixe ao Goberno de España, PSOE e Podemos "que manteñan a referencia ao castelán como lingua vehicular no ensino en todo o Estado"
A iniciativa presentada agora a dúas mans por PP e Ciudadanos na Cámara galega refírese á desaparición da expresión introducida pola LOMCE segundo a cal "o castelán é lingua vehicular do ensino en todo o Estado e as linguas cooficiais sono tamén en cadansúas comunidades autónomas, de acordo cos seus Estatutos e normativa aplicable". Na nova lei a principal mudanza é na redacción, toda vez que pasa a indicar que as Administracións "garantirán o dereito" do alumnado "a recibir ensinanzas en castelán e nas demais linguas oficiais en cadanseus territorios, de conformidade coa Constitución Española, os Estatutos de Autonomía e a normativa aplicable".
Adicionalmente, a nova lei explicita que "ao finalizar a educación básica", todo o alumnado "deberá acadar un dominio pleno e equivalente na lingua castelá e, no seu caso, na lingua cooficial correspondente". Neste sentido, introduce a obriga -no caso galego, para a Xunta- de "aplicar instrumentos de control e avaliación" para que quede "garantido" que "todo o alumnado" é competente en ambos idiomas e, se non o é, "adoptar, por parte dos centros, as medidas necesarias para compensar as carencias que puidesen existir en calquera das linguas".
"Ciudadanos defenderá o español tanto dentro como fóra das institucións", asegura Beatriz Pino
No momento de presentar a súa iniciativa, Beatriz Pino reclamara "parar esta vergoña que supón unha vulneración da Constitución e dos dereitos de moitas familias que queren que os seus fillos estuden en español" e xustificaba a proposta no desexo dos seus votantes de "non baixar a cabeza ante as cesións ao separatismo e ao nacionalismo".
Neste xoves, Pino asegurou que "Ciudadanos defenderá o español tanto dentro como fóra das institucións", que engadiu que a súa formación "naceu para defender a liberdade dos españois para poder utilizar a lingua que desexen". "Grazas a Ciudadanos o Parlamento de Galicia posicionarasa sobre a discriminación do español que contempla a nova lei de educación", rematou.